Martiño Noriega convértese no número dous de Anova, que cumpre un ano de vida

Beiras, con Noriega e xente moza participante na asemblea CC-BY-SA Praza Pública

A tan só un día de que Anova-Irmandade Nacionalista cumpra un ano de vida, o alcalde de Teo, Martiño Noriega, convértese en número dous da formación  nacionalista, logo de que aceptase o cargo de coordinador, e sitúase así como referente, xunto ao histórico Xosé Manuel Beiras, da organización.

A coordinadora acepta a lista proposta por Beiras, pero engade dúas persoas máis

Logo dun debate intenso e longo na coordinadora -superou as cinco horas- e despois tamén de difíciles negociacións, dous novos nomes sumáronse á lista inicial de Beiras composta por 17 persoas e que agora pasará a ter 19 membros. Así, e ademais das persoas propostas polo líder de Anova, incorpóranse agora Xurxo Martínez, que será o encargado da área de formación, e Laura Ogando (Encontro Irmandiño), que levará educación.   

Foi hai quince días cando Beiras, ratificado como líder de Anova, propuxo que Martiño Noriega, o nome máis votado na asemblea a través das listas abertas, fose o encargado de coordinar a permanente nunha proposta que acompañou doutros 16 persoas. Xunto co portavoz nacional e as novas dúas desginacións, queda designada a permanente da Coordinadora nacional, o máximo órgano de decisión entre asembleas e toda ela derivada da elección en listas abertas do último conclave.

Os deputados de AGE Antón Sánchez e Consuelo Martínez encargaranse de medio ambiente e accións social respectivamente

Así, e ademais de Martiño Noriea, nesta permanente tamén estarán os deputados autonómicos por AGE Antón Sánchez, que será o responsable de medio ambiente e sustentabilidade,e Consuelo Martínez, que se encargará da acción social.  Tamén foron aprobado o resto de nomes propostos. En comunicación seguirá Mario López Rico, mentres que Antón Araúxo ocupará acción institucional; Paula Vázquez, organización; Luís Eyré, relacións políticas; Carlos Méixome, alternativas programáticas; Manuel Santos, relacións con movementos sociais; Xosé Manuel Sardiña, comunicación interna e redes; Iolanda Pérez Docampo, acción feminista; Mar Casades, lingua; Xiana López, igualdade; Mónica Fernández, patrimonio cultural; Concha Trigo, finanzas; Antía Comesaña, mocidade; Antón López Dobao, cultura e diáspora.

A elección desta permanente en Anova sitúa a Martiño Noriega como claro referente futuro desta formación nacionalista, ao tempo que polo momento acompañará o liderado dun Xosé Manuel Beiras que sempre veu no alcalde de Teo un futuro líder para a organización.

Martiño Noriega Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.