Morre José Posada, o primeiro en usar o galego no Parlamento europeo

José Posada © Compromiso por Galicia

Esta luns faleceu en Ourense José Domingo Posada González. Empresario e enólogo, foi presidente de Caixa Ourense entre os anos 1984 e 1987 e a partir de dos anos noventa centrou a súa actividade no Marron Glacé un produto para o que foi quen de abrir mercados en todo o mundo. Tamén se dedicou á política e a través de Coalición Galega foi eurodeputado en dúas ocasións: 1993-94 e 1999.

No Parlamento europeo foi o primeiro deputado en empregar o galego de forma oficial na cámara, a través da norma portuguesa, unha práctica que despois realizaron de forma habitual Camilo Nogueira e Ana Miranda. Pódese apreciar a súa posición de apoio á lingua galega e á súa aproximación ao portugués nesta reportaxe da RTP. Foi un dos asinantes da petición enviada ao presidente da Comisión Europea pola Associação de Amizade Galiza-Portugal (AAG-P) e o Movimento Defesa da Língua (MDL) para demandar "a unidade da língua portuguesa,, comum à Galiza e Portugal".

Alén da súa actividade empresarial e política realizou un traballo intenso noutras áreas, coma na promoción da industria galega do viño e a galeguización das súas actividades comerciais. Nese senso foi un dos principais impulsores da Irmandade dos Vinhos Galegos, da que era Secretario Perpetuo. Na actualidade militaba en Compromiso por Galicia, onde se integrou Coalición Galega hai uns meses. O Secretario Xeral de Compromiso, Xoán Bascuas, lamentou “profundamente” a morte de Posada, e destacou a súa actividade empresarial “en clara clave de país” e “o seu amor á terra”, ademais de lembrar que foi o primeiro eurodeputado “dunha forza xenuinamente galega”.

O seu enterro será na intimidade familiar, no cemiterio de Santa Mariña, en Ourense, este martes día 15, previsiblemente as 17 horas.

José Posada © Compromiso por Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.