Noriega: "Son pesimista da razón e optimista da vontade"

Xosé Manuel Beiras intervén ante o plenario da Asemblea CC-BY-NC-SA BNG

Acabouse o Bloque Nacionalista Galego tal e como o coñecemos até o de agora. A asemblea do Encontro Irmandiño vén de decidir, "por aclamación", a súa escisión do BNG. Domingo de cambios, de decisións, de "emocións" e, desde logo, dun cambio de rumbo. O destino, como recoñece o propio Beiras, depende do traballo que agora se vaia poñer en marcha. O que fica claro é que hoxe é un día "histórico" para a política galega e o nacionalismo.

Xosé Manuel Beiras, en declaracións exclusivas a Praza Pública, destacou que o Encontro Irmandiño ten moitos "folgos" para iniciar un novo camiño

Xosé Manuel Beiras, en declaracións exclusivas a Praza Pública, destacou que o Encontro Irmandiño ten moitos "folgos" para iniciar un novo camiño. "Moitos máis dos que eu podía pensar", recoñeceu. "As intervencións que escoitamos na asemblea foron espléndidas", nas que agromaron a "necesidade" de "cambio" e de "constituir unha frente ampla". Decisión "tomada por aclamación", destacou o histórico líder do nacionalismo". Beiras incidiu, iso si, en que agora hai moito traballo por diante. "Porque outra cousa é a capacidade de organización, isto non é cousa dun día", apuntou, e "é un risco que debemos tomar". En calquera caso, e como fixo na súa intervención -moi aplaudida-, remarcou que "a clave deste plantexamento é que sexa moi aberto e que integre moita xente". Un "gran" estrato da sociedade galega que "agora está desactivada".

 

Martiño Noriega

O alcalde de Teo e cabeza visible, xunto con Beiras, do EI, insistiu en que o deste domingo era un "día triste" para moitos. "Dóenos o corazón", declarou a Praza Pública. "Nós levamos moitos anos nun proxecto colectivo e hoxe decidimos iniciar unha nova andaina", apuntou a este diario. Ao igual que os seus compañeiros, quixo facer fincapé en que agora "cómpre esquecer todo o malo e formar un proxecto no que Galiza sexa o centro". Preguntado por se hai folgos abondo para o novo reto, foi rotundo: "Somos pesimistas da razón pero optimistas da vontade". Antes das palabras de Beiras, que pecharon a primeira quenda de intervencións, o alcalde de Teo e membro do EI foi conciso e claro: "Hai que dicilo alto e claro. Cómpre un novo camiño fóra do BNG"

"Hai que dicilo alto e claro. Cómpre un novo camiño fóra do BNG"

 

Teresa Táboas

A xa exdeputada do BNG, Teresa Táboas, apareceu na asemblea e foi recibida con "moitos aplausos". A exconselleira, coa voz roída pola "emoción" e o resfriado, declarou en exclusiva a Praza Pública que acababa de producirse "un día histórico para o país". "De man do líder nacionalista moderno do BNG o Encontro Irmandiño decidiu por unanimidade deixar o Bloque", destacou. "Iníciase unha nova andaina, un proxecto con forza propia". Tamén recoñeceu, como os demais, que queda un longo camiño por diante. Para botarse a andar nel "hai moitas forzas", e fixo referencia non só aos membros do Encontro, senón ao "resto de forzas" que "procuran o mesmo para o país".

 

A Asemblea

Antes de coñecer a decisión final, o líder da formación, Xosé Manuel Beiras, puxo sobre a mesa unha proposta de resolución. "A 13ª Asemblea do BNG mostrou dous modelos incompatibles" dentro do nacionalista galego. "Hoxe é a derradeira oportunidade de rexeneración do BNG". Para o Encontro Irmandiño, "o BNG non é rexenerable", razón pola cal a formación liderada por Beiras vén de aprobar a súa marcha do proxecto que capitanea hoxendía Guillerme Vázquez. "O Encontro buscará os apoios precisos para a creación dunha fronte que sexa un novo referente politico de centro gravitacional de esquerda", apuntaron desde o EI. "A Coordenadora Nacional queda habilitada para exercer as accións oportunas para acadar estes obxectivos".

"De man do líder nacionalista moderno do BNG o Encontro Irmandiño decidiu por unanimidade deixar o Bloque"

"Neste momento a unidade do nacionalismo non se pode dar dentro do BNG. A ruptura xa existe", sostivo Xosé Manuel Beiras. Para o exportavoz do BNG e histórico do nacionalismo, esta corrente debe adicar os seus esforzos a loitar contra o capitalismo". Para Beiras, "é inverosímil a rexeneración plantexada do BNG". Desde o Encontro Irmandiño propoñen unha "forza ampla" e rexenerada. Para Xosé Manuel Beiras, dentro desa estratexia de rexeneración, os interlocutores serían "os compañeiros que decidiron abandonar o BNG", en clara alusión tanto a Esquerda Nacionalista como aos que concorren co EI á 13ª Asemblea.

 

Link ao texto do acordo da asemblea do Encontro Irmandiño

Xosé Manuel Beiras, durante a súa intervención © EI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.