Novos emigrados reclaman tamén unha candidatura unitaria galega

Voltar á Terra na manifestación unitaria do 25X Dominio Público @VoltaraTerra

A plataforma Voltar á Terra, que xunta galegos emigrados -maiormente mozos- por todo o mundo, únese tamén ás reclamacións por unha lista galega unitaria de cara ás vindeiras eleccións xerais. O colectivo, nado hai catro meses, vén de lanzar o Decálogo por un País en pé, un manifesto asinado no seu inicio por cen cidadáns no que se aclara que a xente nova emigrada "precisa unha candidatura unitaria nacional, que defenda e represente as galegas e galegos alén da Galiza, propiciando a participación desde o exterior".

Voltar á Terra cre que os mozos emigrados "precisan unha candidatura unitaria que defenda e represente os galegos alén de Galiza"

"A emigración soluciónase cun País xusto, inclusivo e con traballo digno, e nós tamén queremos ser parte dese futuro esperanzador que lle agarda á nosa Nación", engade a plataforma, que insta o "movemento xuvenil e a mocidade galega a converter en protagonista a nosa xeración coma motor imprescindíbel dos cambios que esixe a situación".

Para Voltar á Terra, a manifestación unitaria do Día da Patria "ten que ser o alicerce dunha candidatura unitaria da nación galega ás eleccións xerais: a crise endémica que sufrimos, o desmantelamento dos nosos sectores produtivos e o envellecemento impulsado pola emigración obrigan a que desde xa demos solucións propias a problemas propios". Ademais, entende que "só dende a defensa dos intereses galegos" se pode "aspirar a manter e recuperar os sectores produtivos e garantir salarios dignos para as clases traballadoras galegas".

A plataforma cre que a manifestación unitaria do 25X "ten que ser o alicerce" dunha lista de confluencia

"Vimos dunha nación ben diferenciada e con características propias, por iso os nosos servizos sociais, coma o ensino e a sanidade, teñen que ser deseñados e financiados desde o País, o cal é posíbel só dispoñendo dos impostos que xa pagamos e dos que as grandes empresas galegas cotizan na capital do Estado en lugar de na Galiza", lembra o colectivo, que entende que a comunidade "teun un inmenso potencial" nos seus recursos naturais para "desenvolver iniciativas económicas sustentábeis e que poñan en valor o noso ecosistema como un dos elementos chave do futuro que queremos, para poder vivir e traballar aquí".

Ao tempo, Voltar á Terra censura que a capacidade colectiva e individual se dilapide "sen un ensino superior con saída, sen investimento estratéxico en I+D+I e sen ofrecer alternativas para aproveitar a formación académica e laboral" dos galegos, algo que "tamén acontece no mundo do traballo". "Hai que pór freo á venda a empresas de fóra dos nosos recursos cun beneficio marxinal para o País e a xente que traballa, ao expolio das autónomas e pemes, aos contratos miserentos e aos impedimentos no acceso a cretos e axuda a milleiras de galegas e galegos con vontade de emprender", solicitan, tras advertir que "os recortes e a precarización que nos impoñen desde o goberno español obrigan a milleiros de mozas e mozos a continuar collendo as maletas".

Ademais, a plataforma aclara que "Galiza ten que ter poder de decisión en todas as institucións para artellar un sistema galego de cooperativas en todos os eidos económicos" e aposta por "unha banca pública, que independentemente do goberno leve adiante estas medidas, e que garanta que o que xera o nosos traballo redunde no noso ben común". 

"Queremos unha voz forte e unida da nación galega para conseguir derogar o retraso na idade de xubilación e avanzar nas conquistas laborais e sociais. Só cunha vida digna e cuns dereitos avanzados poderemos aspirar a unha sociedade libre e con recambio xeracional", remata o Decálogo, que insiste na necesidade dunha "candidatura unitaria nacional, que defenda e represente as galegas e galegos alén da Galiza, propiciando a participación desde o exterior". 

Voltar á Terra na manifestación unitaria do 25X Dominio Público @VoltaraTerra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.