"O aliado natural de EU é o nacionalismo de esquerda"

Yolanda Díaz, tras a entrevista con Praza CC-BY M. Pereira

Yolanda Díaz preside desde este venres a X Asemblea de Izquierda Unida, a onde acode reforzada polo bo resultado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) nas últimas eleccións autonómicas. A coordinadora xeral de EU pedirá no cónclave unha conferencia que aborde o modelo territorial dentro de IU, así como "naturalizar" as alianzas cos nacionalismos de esquerda. Ademais, abre de novo a porta ao BNG ao que, asegura, seguirá "lanzando a luva".

O resultado electoral de AGE e a política de alianzas proposta por Esquerda Unida fai que esta chegue máis reforzada Aseá mblea de IU?

Sen dúbida ningunha. Todas as teses que defendiamos estes anos de agrupar esforzos para derrotar o fascismo financeiro e as formas fascistas no poder consolídanse, e é certo que algúns tiñan dúbidas. O resultado nas eleccións situounos nunha posición de forza no electoral, pero sobre todo no tipo de políticas que nos fixeron chegar ata aquí.

"AGE demostrou que non só é posible chegar acordos, senón que é necesario facelo"

Terá Galicia e a federación galega máis peso agora en IU?

Non creo que sexa iso, pero o que si é certo é que AGE supuxo no conxunto da esquerda do Estado español, e por suposto na miña organización, algo así como un revulsivo. Foi unha maneira de visualizar que non só é posible chegar a estes acordos, senón que é necesario. Demostramos que hai que ter xenerosidade, deixar as diferenzas a un lado e sumar todas as intelixencias para combater este inimigo brutal que temos diante. Non é de estrañar que nos pidan comparecencias en múltiples lugares do Estado porque queren aprender desta experiencia galega. Isto é máis importante que o feito de que EU gañe peso en IU. Xa o tiñamos, pero as políticas que levamos a cabo están a servir de exemplo para a esquerda plural.

O modelo que promoven moitas voces en IU vai na mesma dirección...

Ese é o obxectivo. Nós no Congreso dos Deputados estamos aliados con doce organizacións políticas, algunha delas de corte nacionalista. Xa demos pasos adiante, pero efectivamente o máis simbólico foi o que ocorreu en Galicia coa Alternativa Galega de Esquerda. Agora estamos diante dun proceso de deconstrución por parte dos oligarcas financeiros, que están destruíndo esta pseudodemocracia, e nós apelamos a un proceso constituínte, a un pobo soberano que se debe organizar para levar adiante outro modelo e outra definición de normas que deben rexir a política do conxunto do noso país e do conxunto do Estado. É unha tese forte e para esa tese forte precisamos de moitos aliados e moitas aliadas. Na nosa propia declaración falamos de constituírmos un bloque político e social no que non só somos nós, senón que faltan moitos máis e con todas as diferenzas e pluralidades.

"Temos que naturalizar as relacións cos nacionalismos de esquerda, eles so o noso aliado natural en Euskadi, Cataluña e Galicia"

Semella que quere introducir con forza ese debate en Izquierda Unida.

Eu apelei a que temos que naturalizar as relacións cos nacionalismos de esquerda. Nas denominadas nacionalidades históricas, eles son os nosos aliados naturais. Non sería comprensible preguntarse cal é o aliado da esquerda anticapitalista en Galicia sen pasar polos compañeiros de Anova e outros nacionalismos. Pásanos tamén en Cataluña e incluso en Euskadi, e semella que nestas nacións históricas é doado asumilo e explicalo, pero no conxunto do Estado español é necesario incluír este debate.

Vostede apela sempre á conxunción de forzas co Bloque para conformar unha fronte de esquerdas en Galicia. No Parlamento, polo de agora, a sintonía semella boa.

Todas as comparecencias que pedimos até o de agora na Cámara, excepto unha, foron asinadas tamén polo BNG e Francisco Jorquera. Eu confío en que vai haber achegamento e por parte de EU, Anova e AGE non vai quedar. Eu son un pouco a encargada dese traballo e desde logo que vou facer todo o posible porque sabemos que o inimigo que temos enfronte é brutal. Estamos ás portas dun segundo rescate bancario que introducirá unhas condicións de extrema dureza no país e precisamos sumar forzas. Nós lanzamos a luva para que sigan a recollela.

"Desde EU pediremos un debate conxunto que fixe a posición de Izquierda Unida no debate territorial"

Vostede pide un debate territorial dentro de IU, non é?

Desde a federación galega imos apelar a saír desta asemblea coa petición e consolidación dunha conferencia específica para concretar o noso modelo de Estado. Somos a única organización que ten definido o seu modelo de Estado, pero aquilo foi froito dun debate colectivo que se deu nos anos 90 e que quedou obsoleto. Pediremos que nestes intres, e ante os conflitos nacionais e federais que se suscitan, se tome posición e se faga un debate no conxunto de toda Izquierda Unida.

Que proposta faría Esquerda Unida nese debate dentro de IU?

Un pacto federal e iso supón moitas cousas. Propoñemos  un modelo federal avanzado, fronte ás afirmacións actuais, incluso da esquerda nominal, que chaman a reducir o poder das autonomías e a recentralizar o Estado. Partamos da base de que non  hai soberanía en ningunha das autonomías nin autogobernos porque estamos intervidos; non hai decisión por ningún dos entes territoriais que formamos parte do Estado. Estamos obedecendo á troika. Din que o Estado das autonomías está en crise e parece que o problema son as autonomías ou o autogoberno fronte a un Goberno central que o fai ben. e desde logo que non é así. O título VIII da Constitución Española foi pactado derrotando a unha esquerda que propoñía outro modelo de Estado e agora queremos traballar na procura dun modelo federal na mellor lectura de Pi i Margall. Cremos na necesidade dun pacto federal no que Galicia terá que decidir, ao igual que o resto de territorios, cal será a súa relación nese marco de Estado. Cada parte terá que decidir o que estime conveniente. Teremos que avanzar neste deseño.

"EU defende un modelo federal avanzado no que Galicia teña o dereito a decidir"

Isto inclúe o dereito a decidir, o dereito de autodeterminación?

Iso é básico para nós e sorpréndeme que me sigan pregutando por isto. Forma parte da nosa cultura política e, por exemplo, os compañeiros cataláns veñen de votar unha resolución clarísima no que atinxe ao proceso que se está a dar en Cataluña. Eles serán os que decidan o que queren facer, ao igual que decidimos nos procesos internos.

O que si semella é que nesta asemblea de IU hai moita máis paz interna.

Xa dixen un pouco de broma que case estamos un pouco aburridos porque non  hai tensións internas, pero iso dános certa tranquilidade para pensar, centrarnos no discurso político e organizar a rebeldía na rúa. Debemos deixar de mirarnos o embigo e ver as forzas que temos na organización para falar do verdadeiramente importante.

Yolanda Díaz CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.