Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, analizou este mertes os resultados electorais acadados por Nós-Candidatura Galega, que cualificou de “claramente negativos”. “Os resultados son peor do esperado e moi por debaixo das expectativas do BNG, aínda tendo en conta un contexto complexo e polarizado a catro”, sinalou.
“Os resultados son peor do esperado e moi por debaixo das expectativas do BNG, aínda tendo en conta un contexto complexo e polarizado a catro”, sinalou
Porén, Vence manifestou que Galicia necesita "un proxecto nacionalista autónomo e forte con vocación de ser alternativa de goberno". Para iso, a formación abrirá un proceso "de reflexión e análise serena e tranquila” para “corrixir todo o que haxa que corrixir, e reinventar todo o que haxa que reinventar”. Un proceso que levará á celebración dunha Asemblea Nacional en marzo.
“Estamos plenamente decididos a manter erguido un proxecto nacionalista que consideramos esencial para que este país teña futuro, para poder ter voz autónoma en todas as institucións, capaz de ser alternativa de goberno e de contribuír á transformación deste país”, subliñou Vence, que engadiu que "Galiza segue a precisar un proxecto nacionalista autónomo, inclusivo, aberto, con vocación maioritaria e darlle a este país a forza que non van darlle as organizacións estatais”.
Vence asumiu que a foto post 20D “non se explican só polo contexto”, pero tamén afirmou que o panorama do bipartidismo a catro “condicionou o resultado das forzas nacionalistas tamén en Catalunya e Euskadi". “É evidente que hai unha estratexia para crear un contexto político en clave netamente estatal e recentralizadora cun sistema de partidos a catro que reste protagonismo aos nacionalismos”, dixo.
Da asemblea de marzo sairá unha nova dirección e tamén “a estratexia de futuro para ese proxecto nacionalista necesario”
Da asemblea de marzo sairá unha nova dirección e tamén “a estratexia de futuro para ese proxecto nacionalista necesario”, incluíndo as decisións “para enfrontar os próximos embates electorais en 2016” e as posibles alianzas. Para Vence, a reflexión colectiva que agora se abre debe ir máis aló dos resultados do 20D, para analizar “a tendencia que traemos dos últimos anos".
Preguntado pola súa continuidade como portavoz nacional, Vence explicou que estaba a transmitir a valoración da Executiva nacional reunida na tarde do luns. “Tomarei as miñas propias decisións persoais, pero o importante neste momento e que o proceso de reflexión que agora se abre conclúa na asemblea nacional da que, evidentemente, sairá unha nova dirección”, dixo.
Vence tamén fixo unha valoración global do escenario que queda tras os comicios xerais, salientando o “fortísimo retroceso” do PP, que -dixo- perdería as eleccións galegas e o retrotrae á situación de 1989, ao tempo que trasladou os parabéns a EnMarea polo seu resultado.