O BNG colle a vasoira para "limpar o desgoberno" do Concello de Santiago

Lucía Vázquez e Alba Nogueira CC-BY-NC-SA BNG

"Limpar o desgoberno municipal". É o que pretende simbolizar o BNG de Santiago co acto simbólico convocado na compostelá Praza do Obradoiro para as catro e media da tarde deste xoves, xusto a hora na que o alcalde da cidade, Ángel Currás, terá que comezar a explicar en pleno a súa situación xudicial, agudizada tras saír á luz unha segunda imputación. A instancias do PSdeG, que puido forzar o pleno por ter máis da cuarta parte dos edís da corporación, Currás terá que "dar conta, en primeira persoa, da situación que está a atravesar o Concello tras a súa imputación" e "clarexar as informacións sobre presuntas falsidades en documentos públicos". O Bloque pedirá a dimisión do rexedor en pleno pero, simultaneamente, chama a expresarse á cidadanía "indignada e cabreada".

Esta convocatoria xorde "como resposta a unha situación insostíbel", di a vicerresponsable do BNG en Santiago, Lucía Vázquez, dende cuxo punto de vista a situación do goberno local é "de total anomalía, con continuas imputacións por diversos casos" e con "novas sospeitas cada día sobre o grupo municipal do PP". "Isto non pode seguir así, a cidade está paralizada", resume, e por iso convocan á veciñanza que "queira dicirlle ao goberno do PP" que a situación debe mudar.

A protesta coincide co pleno no que Currás se ve forzado a dar conta da súa situación xudicial

Neste sentido, o Bloque subliña que a inestabilidade institucional se debe tamén ás liortas no seo do propio PP. "O BNG pedirá a dimisión do alcalde", explica Alba Nogueira, responsable de asuntos xurídicos, xa que a marcha de Paula Prado para ser voceira autonómica do seu partido "non é máis ca unha dimisión placebo, no sentido de que o único que parece querer resolver son os problemas internos do PP, que está ensimesmado na súa crise política interna pero non resolve os problemas da cidadanía.

"Dous alcaldes imputados, dous xefes de gabinete imputados, unha concelleira imputada, unha parte do persoal directivo municipal traído de fóra cunha duplicidade de cargos do PP baixo sospeita" son, para Nogueira, motivos dabondo para interpretar que Compostela está nunha situación de "desgoberno total", ata o punto de que un goberno con maioría absoluta "é incapaz de aprobar os orzamentos". Por todo isto, conclúe, "animamos os composteláns e compostelaś a vir a esta concentración con vasoiras, fregonas e caldeiros de auga para axudar a fregar o Concello de Santiago na vontade de que mostren o seu desacordo e de poñerlle freo a este desgoberno do PP".

Lucía Vázquez e Alba Nogueira CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.