Alén das dificultades políticas do complexo panorama electoral, o BNG afrontaba os comicios xerais do vindeiro 26 de xuño cun obstáculo engadido. Ao non obter representación nas eleccións do 20-D, aos que concorreu baixo as siglas de NÓS-Candidatura Galega, a formación soberanista tivo que xuntar un número de sinaturas equivalentes ao 0,1% do censo electoral das circunscricións nas que se presenta, as catro galegas. Ese obxectivo xa foi logrado e, segundo a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, mesmo foi "cuadriplicado".
A tamén candidata á Xunta participou este xoves no centro da Coruña nun dos actos públicos de recollida de sinaturas que o BNG vén desenvolvendo por todo o país. "Á espera de que o prazo de recollida de avais se peche, o BNG xa recolleu máis de 8.000 apoios", indican. Esta cifra "cuadriplica" o devandito 0,1%, subliña, no que ve como un "orgullo" de que "moitas persoas" aposten por "unha segunda oportunidade que lle permita a Galiza recuperar a voz que perdeu en Madrid.
Ana Pontón le estes avais como "unha mostra do sentir que percibo en moitas persoas ilusionadas nesta segunda oportunidade" de "recuperar voz no Congreso que defenda os nosos intereses nun contexto sen maiorías absolutas". O electorado, augura, terá en conta que "dous deputados ou deputadas do BNG poden ser a chave para a conformación do próximo Goberno, e iso sería moi positivo para Galiza e para darlle un cambio real ás políticas do PP, que recortaron servizos públicos, igualdade e machacan dereitos".
Carlos Callón, Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará encabezarán as candidaturas do BNG, que serán aprobadas o sábado polo seu Consello Nacional
Alén desta recollida de sinaturas o BNG prevé "dar por iniciada" a precampaña do 26-X o vindeiro sábado, xornada na que o Consello Nacional aprobará definitivamente as candidaturas, que tras as votacións comarcais participarán no proceso electoral coa denominación BNG-Nós Candidatura Galega. Esta fórmula, din, "permitirá a perfecta identificación da candidatura" e, ao tempo, "recolle o proceso de suma iniciado nas eleccións municipais coas asembleas abertas e continuado nos comicios do 20-D.
No que atinxe ás cabezas de lista a única mudanza a respecto de decembro producirase en Pontevedra, onde tras a renuncia de Carme Adán, que continúa como deputada no Parlamento galego, o posto é asumido por Luís Bará, concelleiro no goberno local pontevedrés. As outras tres listas estarán lideradas por quen xa encabezaron as candidaturas de NÓS, isto é, Carlos Callón na circunscrición da Coruña, Olalla Rodil en Lugo e Noa Presas en Ourense.