O BNG pide contas pola venda de empresas e Feijóo acúsao de "pechar as portas de Galicia"

Jorquera realízalle a pregunta ao presidente CC-BY-NC-SA BNG

"Fenosa, R, Azkar" e agora, Hijos de Barreras mentres Pescanova está "abocada a padecer a mesma sorte". "O banco Pastor pasou a mans do Popular, o Etcheverría foi mercado polo venezolano Banesco" e máis tarde, o Banco Gallego pasou a mans do Sabadell". O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, resume deste xeito "o proceso de descapitalización" que, ao seu xuízo, está a sufrir Galicia dende que Alberto Núñez Feijóo ocupa a Presidencia. "Dende que é presidente Galiza está en deconstrución, está sendo vendida por parcelas", reprochou o nacionalista durante a sesión de control a un xefe do Executivo que, ao seu xuízo, "actúa como un auténtico cabalo de Troia" para as empresas do país. Como corolario, di, "viaxa a México para fuxir da negra sombra de Marcial Dorado e para actuar de broker, vendendo unha empresa galega a unha mexicana".

Ante este cuestionamento Feijóo combina, como en anteriores sesións, a devolución de preguntas á oposición con acusacións dirixidas á mesma. Así, o líder popular cita compañías como Citroën, Alcoa ou Nestlé para preguntarse se "no caderno económico do BNG" figura "que estas empresas marchen de Galicia". "A internacionalización da nosa economía hai que facela en dúas direccións" e por iso "sentinme orgulloso vendo nas rúas de México máis de 140 tendas de Inditex", pero tamén "cando a cuarta petroleira do mundo [Pemex] se fía de Galicia para xerar riqueza", isto é, para mercar o 51% de Barreras.

"É un curioso neoliberal, oponse a converter Barreras nun estaleiro público pero non ten reparo en vendelo a prezo de ganga a unha empresa pública mexicana"

"Son dúas cousas totalmente distintas que empresas de fóra invistan en Galiza e que Galiza se descapitalice", evidencia Jorquera, quen lamenta que a "grande visión estratéxica" de Feijóo permita a "marabillosa" operación, xa reflectida na prensa mexicana, segundo a cal "o obxectivo que persegue Pemex é transferir a medio prazo coñecemento tecnolóxico de Barreras" e, en última instancia, trasladar o propio estaleiro ao país centroamericano. "A vostede parece que isto parece que lle dá igual" e por iso "dende que é presidente Galiza é maís feble economicamente" e "máis dependente" do exterior. "É vostede un curioso neoliberal; oponse á creación dun banco público galego, non contempla a posibilidade de converter Barreras nun estaleiro público galego pero non ten reparo en vendelo a prezo de ganga a unha empresa pública mexicana".

"Quere nacionalizar Barreras, exactamente para que?", pregúntase Feijóo, antes de rexeitar as propostas do Bloque porque os populares "estamos traballando noutro tema, queremos que estaleiros galegos e mexicanos, en alianza, presenten ofertas para renovar a flota menor de Pemex". Neste escenario, o xefe do Executivo aínda lanza unha nova pregunta: "cal é a súa política económica", pregúntalle ao BNG, antes de acharlle a compra de Unión Fenosa por parte de Gas Natural no ano 2008. "Vostedes non foron quen de mantelo e nós imos ver se o recuperamos". Mentres, di, os nacionalistas "queren que en plena globalización pechemos as portas de Galicia". Pero "o investimento de Pemex será benvido" e "oxalá teña un efecto chamada", conclúe.

Jorquera realízalle a pregunta ao presidente CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.