Incrementar os recursos destinados a I+D+i, traer de volta ao talento investigador que emigrou "por falta de orzamento e oportunidades" e combater a discriminación das mulleres no ámbito da ciencia son os compromisos que o BNG defende co obxectivo de converter Galicia nun "referente en investigación".
"Fallou a pata do financiamento con recortes tanto desde os gobernos do Estado como da Xunta provocando unha emigración de talento"
A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, visitaron este martes o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), un centro de referencia da USC en Santiago de Compostela. A visita serviu para que o Bloque debullase as súas propostas en ciencia e investigación.
“Hai un enorme talento investigador, Galiza é unha potencia tamén neste ámbito pero precisa apoio e recursos. Fallou a pata do financiamento con recortes tanto desde os gobernos do Estado como da Xunta provocando unha emigración de talento que necesitamos recuperar”, subliñou Pontón, que foi moi crítica cos Gobernod de Mariano Rajoy e Pedro Sánchez. "En 2016, o Estado deixou sen investir o 60% do orzamento en investigación, en 2017 os datos aínda son peores e 7 de cada 10 euros quedaron sen gastar, en 2018 deixouse de investir o 53%, e polo que nos explican as cifras en 2019 vanse mover en porcentaxes similares sen executar”, dixo.
O Bloque promete traballar no Congreso para “duplicar o investimento en I+D+i"
O Bloque promete traballar no Congreso para “duplicar o investimento en I+D+i". Tamén comprometeu o seu apoio para "desenvolver a carreira investigadora", para evitar "que os nosos investigadores e investigadoras tiren a toalla porque a día de hoxe estamos perdendo talento que hai que traer de volta”. Finalmente, Pontón fixo un chamamento a rematar coa "discriminación das científicas e investigadoras, cos teitos de cristal que soportan tamén neste ámbito, e derrubar as barreiras que limitan o seu desenvolvemento profesional".