O BNG reivindica o feminismo e a forza do 8M para levar a voz das mulleres galegas ao Congreso

Acto do BNG xunto ás estatuas de Maruxa e Coralia, en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

O BNG aproveitou o primeiro acto de campaña de cara ao 28A para reivindicar o movemento feminista do 8M e a “forza” das mulleres. Nun acto xunto ás Marías, en Santiago, a portavoz nacional do Bloque apostou por “unha voz galega que defenda” os intereses das mulleres galegas no Congreso. 

O BNG comprométese a reclamar xulgados de violencia machista en todas as cidades, permisos de paternidade dun ano e frear a legalización dos ventres de alugueiro

Así, Pontón prometeu “máis medios e máis recursos para loitar contra a violencia de xénero” para o que apostou por “xulgados de violencia machista en todas as cidades galegas”. Ademais, reiterou o compromiso do BNG para pór “freo á legalización de ventres de alugueiro”, así como para a “ampliación dos permisos de paternidade e maternidade a un ano, intransferibles”. “Non podemos permitir seguir condicionando o acceso da muller ao mercado laboral, penalizándoas, e menos nun país como Galicia coa taxa de nacementos máis baixa de toda Europa”, advertiu. 

O Bloque apela a que as mulleres se fagan sentir nas urnas, “como galegas, apoiando unha forza comprometida co feminismo”. Xunto ás estatuas de Maruxa e Coralia, Pontón apostou por “unha igualdade real e plena” e por “un cambio que sitúe a Galicia no mapa e haxa unha voz que fale en galego”. 

Pontón asegurou que as candidatas galegas levarán ao Congreso problemas como a precariedade de colectivos como o de telemárketing, as labregas ou as mariscadoras e para acabar cos “teitos de cristal e os chans pegañentos”. 

Ademais, a portavoz nacionalista reivindicou o BNG como forza “feminista, comprometida coas mulleres e pioneiras na defensa de iniciativas importantes no ámbito da igualdade”. En 1996, lembrou, o Bloque foi o primeiro partido no Estado que rexistrou unha lei para “despenalizar o aborto”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.