O BNG rexeita a violencia machista "soterrando o patriarcado"

Vázquez e Sanmartín, na presentación da campaña CC-BY-NC-SA BNG

Unha "festa de soterramento do patriarcado". É o xeito en que o BNG conmemorará neste 2012 o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Un día antes desta xornada, o 24 de novembro, os nacionalistas organizarán en Compostela un acto simbólico co que, explica a responsable de acción feminista do Bloque, Goretti Sanmartín, tentarán amosar como "heroínas" as vítimas da violencia machista, tanto no propio acto como no "cortexo" que partirá do centro da capital de Galicia ata o parque de Bonaval, onde se celebrará o acto central.

Nesta conmemoración, explica Sanmartín, haberá unha lembranza especial para "Julia, Tina, Iria e Marisol", as catro mulleres "mortas a mans das súas parellas" no que vai de 2012 en Galicia. "Queremos que sexa un acto da cidadanía indignada", di a nacionalista, dirixíndose a "todos e todas aqueles que saben que o problema da violencia de xénero non está na crise, que agudiza a indefensión das mulleres" ante os seus agresores.

O BNG insta a que a crise "non sirva de coartada para reducir o apoio" ás vítimas da violencia machista"

Ademais deste acto central, o Bloque presentou xa "mocións en todos os concellos" orientadas, neste caso, a que "a crise non sirva de coartada para reducir o apoio ás mulleres que padecen violencia de xénero", un problema que, di o portavoz nacional da formación frontista, Guillerme Vázquez, está "enquistado socialmente" e que cómpre "combater activamente", nun proceso que debe implicar a "mulleres e homes, ás administracións e ás forzas políticas.

Neste sentido, Vázquez lamenta a "ausencia de compromiso do PP para a erradicación da violencia", mostra do cal é, por exemplo, que a formación conservadora "aínda non expulsase" a José Manuel Castelao Bragaña, o ex deputado que asegurou que as leis, "como as mulleres, están para violalas", unhas declaracións que constitúen "unha mostra de terrorismo contra as mulleres", subliña. O BNG, pola súa banda, salienta Guillerme Vázquez, leva este problema "ao plano institucional, dando o debate sobre a necesidade de recursos para combater a violencia de xénero e tamén á rúa fomentando alternativas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.