Foi unha constante durante a campaña electoral. "Ao coller unha papeleta do PP non collen só unha papeleta, collen o recorte das pensións", advertía o candidato do PSdeG, Pachi Vázquez, ao tempo que os recortes eran de "Feijóo e Rajoy", que van "xuntos". As eleccións do 21 de outubro eran unha "dobre oportunidade", advertía o cabeza de cartel do BNG, Francisco Jorquera. Cumpría "frear" a Feijóo para que Rajoy "non conte co aval que o lexitime para seguir aplicando brutais recortes". Argumentos semellantes escoitábanse tamén nos actos electorais de AGE, dende o lema Hai que paralos ata as chamadas a "darlle unha patada no cu a Feijóo e a Rajoy". Pero as urnas dixeron o que dixeron, que traducido a escanos quere dicir maioría absoluta para o PP. E Alberto Núñez Feijóo reatopouse co seu xefe de filas mentres convertía os argumentos da que será oposición nun búmeran ideal para o inicio da lexislatura.
Ao contrario do acontecido en 2009 Feijóo iniciará o seu segundo mandato sen "herdanzas recibidas" sobre as que apoiarse. Non haberá lugar para a aparición de supostos "buracos" financeiros que ensanchar ou contraer e, polo tanto, tampouco cabe "plan de choque" ningún co que inaugurar a lexislatura. Así, a posibilidade de aferrarse aos que foron argumentos de campaña dos adversarios resúltalle especialmente útil ao actual presidente en funcións, sobre todo para cargar contra PSdeG e BNG, xa que AGE, que se estrea no Parlamento, ten para si outro argumento: non só pasou de cero a nove escanos, senón que é a única forza que non sentará no Pazo do Hórreo despois de perder máis de cen mil votos.
A posibilidade de aferrarse aos que foron argumentos de campaña dos adversarios resúltalle especialmente útil a Feijóo, que xa non contará con "herdanzas recibidas"
"Botarannos paladas de sal nas feridas", advertiu o aínda portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ao anunciar ante o Consello Nacional da formación a súa intención de non recuncar no cargo. Precisamente a iso é ao que se dedicou Feijóo nos últimos días, xa non dende o atril dos mitins do PP, senón dende o que está reservado para o xefe do Goberno galego. A Feijóo preguntóuselle polos seus equilibrios para desligarse de Rajoy durante a campaña e asegurou "manter todo o que dixen", aínda que con matices. "Os galegos avalaron as políticas da Xunta e do PPdeG, o noso programa electoral, hai poucas dúbidas ao respecto". Aínda que hai un pero: "si é certo que a oposición formulou durante moi totempo que votar ao señor Feijóo era avalar as políticas do señor Rajoy", sinalou.
Neste contexto, e mentres PSdeG e BNG encetan as súas respectivas "reflexións" internas e AGE artella a súa aterraxe na Cámara, Feijóo dá por suposto que "para a oposición se estará avalando a política do señor Rajoy", xa que esta "é unha análise coherente co que se veu dicindo toda a campaña". Esa, asegura, foi "toda a cuestión do PSdeG, dos distintos BNG e de Esquerda Unida", de "todos os que se presentaron contra o PP". "Se todo o mundo dicía que votar o PP era avalar as políticas do PP en Madrid", é "evidente que quedou avalado o señor Rajoy". Pero, unha vez lanzado o búmeran, volve á pose presidencial. Esta, en calquera caso: "é unha cuestión dialéctica na que eu non entro". Eis un dos retos da oposición.