O goberno local do PP na Coruña gastou nunha conferencia máis de 12.000 euros un mes antes das eleccións locais do 24 de maio. O Concello organizou, a través da Área de Emprego e de Empresa, un relatorio do economista e coñecido columnista Carlos Rodríguez Braun. Titulado De que estamos a falar cando dicimos que a economía medra?, o evento tivo lugar no auditorio do Centro Socio Cultural Afundación da cidade o pasado 22 de abril.
O goberno local do PP pagou case 11.000 euros en concepto de dietas e aloxamento para o economista Rodríguez Braun
Concretamente, foi o novo goberno local da Marea Atlántica, entre xullo e agosto, o que tivo que facer fronte aos diferentes gastos derivados da conferencia, que durou pouco máis de unha hora. A administración local pagou as facturas pendentes polo acto de Rodríguez Braun, destacado conferenciante. En detalle, 10.890 euros foron sufragados a través da editorial do economista -Lid- en concepto de dietas e aloxamento, mentres que o resto de gastos corresponderon ao servizo de interpretación, ao aluguer do auditorio e ao desprazamento do conferenciante desde Madrid (848,40 euros), segundo os detalles dos pagamentos aos que tivo acceso Praza.
Rodríguez Braun, tal e como destacaba o Concello na información do acto, é columnista habitual de La Razón, Expansión, Actualidad Económica e Libertad Digital e comentarista en Onda Cero Radio ou Antena 3 TV. Ademais, o doutor en Ciencias Económicas e catedrático de Historia do Pensamento Economico pola Universidad Complutense de Madrid foi tamén un habitual participante nos campus da FAES, fundación vinculada ao PP e ao ex presidente do Goberno central, José María Aznar. Defensor do liberalismo económico máis duro, ten criticado o PP por asumir, segundo as súas palabras, posturas da esquerda. De feito, considera o popular un partido "socialdemócrata como o PSOE".
O grupo municipal do PP criticara o gasto de 557 euros na recepción aos alcaldes que asistiron a un acto na Coruña
Os gastos nesta conferencia saen á luz pouco despois de que o grupo municipal do PP criticara a achega de cartos públicos que o goberno local fixera pola visita institucional ao Concello de varios alcaldes que participaron hai tres semenas no Encontro Municipalista. O alcalde respondera detallando os 557,23 euros que se destinaran á recepción, principalmente destinados ao pagamento dos billetes de tren para desprazarse a Compostela. Precisamente na capital galega, tal e como adiantou Praza, o goberno local do PP tamén destinara importantes cantidades a actos institucionais, como os 6.000 euros en inaugurar a rúa dedicada a Fraga ou os 1.890 euros polos petiscos servidos na toma de posesión de Conde Roa.
“O nivel de gasto institucional que había en reunións semellantes con outros gobernos na Coruña era bastante máis elevado”, un feito que Ferreiro
cualificara como “normal, porque cando veñen representantes públicos o normal é ter atención e tratalos ben, xa que son alcaldes que representan a máis de oito millóns de habitantes, e merecen ser tratados co que son”.
Sexa como for, o gasto de máis de 12.000 euros na conferencia de Rodríguez Braun foi un pouco inferior aos pagamentos de máis de 14.000 euros que o Concello da Coruña fixera a varias emisoras radiofónicas para que concelleiros do goberno de Carlos Negreira fosen entrevistados hai dous veráns. A denuncia daquela chegara do BNG, que tivo acceso ás facturas, e uníase á que realizara hai máis dun ano, cando descubriu que a administración local pagara tamén uns 2.000 euros a un xornal para que entrevistase o daquela alcalde co gallo do ascenso do Deportivo a primeira división. En total, máis de 16.300 euros, cando menos e só nuns meses, abonados a medios de comunicación a cambio de concederlles entrevistas.