O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, presentaron este venres o proxecto de orzamento municipal para 2016 e que alcanza os 242,3 millóns de euros. Son 9,6 millóns menos que os presupostos deste ano, un descenso do 3,8% que o goberno local xustifica pola súa negativa a "inflar os ingresos para aumentar o gasto", algo que, segundo di o rexedor, era unha práctica habitual do anterior executivo.
O gasto social medraría en máis de 6 millóns de euros nun orzamento de 242,3 millóns, 9,6 menos que en 2015
No proxecto presentado, o gasto social global medraría en máis de 6 millóns de euros, cun incremento dun 21% respecto a 2015. Ferreiro asegura que as contas están "baseadas na visión e nas liñas políticas" do goberno local e adaptadas "á realidade económica e social existente". Por iso, asegura, os orzamentos céntranse nunha "serie de obrigas fundamentais coa cidadanía, como son mellorar a calidade de vida da veciñanza e asegurar o benestar dunha parte da poboación que está seriamente afectada por este momento socioeconómico”.
"É unha proposta realista", insistiron Ferreiro e Vieito, que contrapuxo estas contas aínda en proxecto coa "sobreestimación dos ingresos levada a cabo en anteriores exercicios polo anterior goberno coa finalidade de ter máis gasto teoricamente dispoñible". "As previsións de ingresos non se inflan deliberadamente de xeito artificial, senón que se corresponden coas previsións derivadas da evolución real e recadación efectiva dos distintos tributos e restantes capítulos de ingresos”, insistiu o rexedor.
Ferreiro cualifica de "realistas" unhas contas nas que "non se sobrestiman os ingresos para aumentar teoricamente o gasto"
O documento xa foi enviado na mañá deste venres ao grupo do PSOE, co que pretende o goberno negociar a súa aprobación, algo para o que considera que hai "unha boa predisposición". "Sería bo antes de final de ano", dixo referíndose a un pacto que se plasmaría coa aprobación definitiva das contas en xaneiro. Ademais, Ferreiro cre "normal" que o orzamento teña que ser prorrogado "tres ou catro semanas" ante un cambio de goberno e advertiu que non haberá problemas co gasto corrente grazas á prórroga activada.
Non pensa igual o grupo socialista, que cualificou de "tardíos e oportunistas" as contas. O seu voceiro municipal, José Manuel Dapena, definiu como "comedia" o proceso da Marea cos orzamentos e acusou o goberno de "ser incapaz de elaborar uns presupostos en tempo e forma", ademais de advertir das "consecuencias e prexuízos que sufrirán os cidadáns", malia que Ferreiro xa aclarou que non haberá efecto negativo ningún. O portavoz do PSOE foi máis aló e denunciou o "puro fume efectista, pura propaganda e puro oportunismo" do proxecto, que cre que terá que empezarse "de cero" para poder "encaixar" tamén un texto socialista con achegas cidadás.
Desde o PP, pola súa banda, critican que os orzamentos non sexan aprobados antes de que comece 2016 e o seu voceiro, Carlos Negreira, considera a prórrroga un incumprimento legal que provocará a "paralización" de iniciativas novas como a renda social municipal. Segundo os populares, quedarán sen efecto os convenios con entidades sociais e deportivas.
PSOE e PP coinciden en criticar o proxecto: os socialistas veno "tardío e oportunista" e os populares cren que incide na "parálise"
Prioridade no gasto social
O goberno da Marea Atlántica destaca unhas contas que “fan prioritarias aquelas políticas que teñen que ver co gasto social e co investimento na mellora da vida da xente” e lembra que o vindeiro ano haberá un aforro en gastos correspondentes a grandes infraestruturas, xa que "a urbanización do parque de San Pedro de Visma, o Adolfo Suárez, ou as obras da Mariña comían gran parte dos orzamentos”.
Ademais, o goberno local tamén destaca que tamén se reduce a partida relacionada co refinanciamento da débeda "herdada de anos anteriores". “Hai que recordar que aforraremos nun ano tres millóns de euros”, subliñou o alcalde, mentres que a responsable de Facenda incidiu tamén no “importante aforro de custos financeiros” que supón a operación, que ascenden a dous millóns de euros, “recursos que quedan liberados para destinar a outros gastos”.
A concellaría que máis aumenta o seu orzamento é a de Xustiza Social, que inclúe 2,1 millóns para a Renda Social Municipal
Así, a área municipal que máis fondos perde é Rexeneración Urbana, xa que o ano pasado incluía nas súas partidas os máis de 10 millóns para as obras da Mariña e outros 2,7 para o parque de Visma. Ademais, a concellería que máis aumenta o seu orzamento é a de Xustiza Social, que incluirá os 2,1 millóns para a Renda Social Municipal, á marxe das novas concellarías de Participación e Igualdade.
En canto ao correspondente ao gasto social global, crecerá en máis de 6 millóns de euros, o que supón un incremento dun 21% respecto a 2015 e un incremento do seu peso nas contas dun 11% a case un 14%. Ademais, o gasto en políticas de medio ambiente e mobilidade tamén medran en 3 millóns, mentres que os recursos a actividades culturais e deportivas aumentan un 6%, ata os 25,37 millóns.