O conflito da música nos locais e as artes na rúa, prioridade cultural de Compostela Aberta

A candidata número catro, Branca Novoneyra e o actor Xavier Ron, explican os piares básicos do documento cultural de Compostela Aberta CC-BY-SA Praza Pública

Compostela Aberta vén de presentar as súas propostas no eido cultural para estes comicios. A número catro da candidatura, Branca Novoneyra e o membro do grupo de teatro Chévere, Xavier Ron,  presentaron o documento base elaborado por un grupo de 30 persoas independentes vencelladas á cultura de distintos xeitos.

“Xuntámonos porque estamos en estado de sitio e pola necesidade de que as cousas muden”, explicou Ron, que engadiu que é un “proceso novidoso, aberto profesional e independente”. A presentación tivo lugar ante un cento de persoas que se achegaron ao local social da formación, na praza do Toural, para debatelo e aportar novas cuestións.

A mediación como liña principal

O documento ten como principios fundamentais a transparencia, a participación, a accesibilidade, a descentralización, a transversalidade e a diversidade.

Novoneyra explicou que o texto pivota en tres liñas básicas: solucionar os conflictos, reorganizar a acción cultural e transformar as políticas culturais.

O documento ten como principios fundamentais a transparencia, a participación, a accesibilidade, a descentralización, a transversalidade e a diversidade

Para a candidata o malestar no sector provoca a “desactivación da vida cultural da cidade” e por iso priorizan solucionar “canto antes” o problema da “música nos locais e das artes na rúa”. Para isto a formación opta por crear unha “mesa de diálogo con todas as partes implicadas, apoiar a creación dunha rede de locais de artes ao vivo, incentivar o consumo cultural a través do bono-cultura e facer unha redistribución da oferta temporal e espacial, atendendo de xeito prioritario o rural”.

“Queremos introducir un bono cultural como ferramenta de desgravación que produza un incremento certo do consumo cultural”, explicou Novoneyra. En relación á distribución afirmou que debe “mudarse” no eixo temporal e tamén espacial, “priorizando o rural, invisible nos últimos catro anos”. Ao dío disto engadiu que o rural debe ser un espazo de “creación, de produción cultural”.

"A distribución afirmou que debe mudarse no eixo temporal e tamén espacial, priorizando o rural, invisible nos últimos catro anos"

Reorganizar de xeito participado

A segunda das liñas centrarase en “reorganizar a acción cultural local, con programación diversa que desbote a precariedade dos axentes culturais locais”. A formación cre preciso “abrir novos equipamentos,  coñecer as posibilidades e repensalas de xeito participado con grupos de acción de cultural local, unha asemblea da cultura e un observatorio cultural”. Novoneyra quixo facer fincapé en que se “aledan de que o Partido Popular vira o documento e lle gustaran algunhas propostas, como a do observatorio, e as inclúa nas súas promesas, pero citando o copyright”.

A candidata subliñou a necesidade de “facer un mapa de recursos culturais, dos presentes e os pasados porque desde 2011 non hai datos do retorno dos equipamentos culturais”. “Sen memoria do pasado cultural non podemos construír política de futuro”, afirmou. Novoneyra resaltou que é preciso buscar a “cooperación” entre os principais axentes da cidade: a igrexa, a universidade e os organismos da xunta”. En resumo, ser quen de levar a cabo unha acción cultural “transversal e coordinada”.

"Sen memoria do pasado cultural non podemos construír política de futuro"

Transformación

O terceiro pivote, explicou Novoneyra, sería “transformar as políticas culturais focalizando a atención na conservación e divulgación do patrimonio inmaterial e material e a atención urxente á defensa da lingua galega”.

A candidata tamén salientou a necesidade dun “turismo cultural de calidade, elaborando recursos que provoquen novas miradas sobre a riqueza patrimonial”. O fin “último é relanzar Compostela como capital cultural de Galicia, coa recuperación da súa proxección exterior, coa colaboración en rede con outras cidades e coa procura incansable de fondos europeos”. Tamén mencionou a necesidade de “reorganizar os espazos da Zona C, o Teatro Principal e o Auditorio porque son caóticos e hai que transformar o modelo de xestión”.

"O concello debe transformarse en axente mediador en lugar de programador e a produción cultural debe descentralizarse e desestacionalizarse"

O documento recolle que “o concello debe transformarse nun axente mediador en lugar dun axente programador, que a produción cultural debe descentralizarse e desestacionalizarse”. Para isto propoñen “promover unha xestión comunitaria dos equipamentos de proximidade, articular procedementos de participación cidadá, activar comunidades culturais e facilitar a formación para a xestión comunitaria dos recursos públicos”.

Acto participado

Xente do circo, programadores culturais, pintores, membros da plataforma #CompostelaTerritorioMusical, actores, xornalistas culturais ou escritores achegaron a súa visión e propostas das que Xavier Ron e Branca Novoneyra tomaron nota para o documento. O público participou activamente na presentación e a “morte cultural” da cidade vella estivo en boca de todos, aínda que tamén se realizaron peticións para a zona nova.

O candidato, Martiño Noriega, tomou a palabra na quenda de intervencións e afirmou que ía para a casa con moitos “azos polo poder de convocatoria”. Noriega explicou que Compostela Aberta se sostén en “dous piares básicos: Compostela social e Compostela cultural”. “O concello, máis alá de programar a cultura, ten que ser un facilitador, que é o que non foi estes últimos anos”, engadiu. “A cultura ten que ser creación, liberdade e retorno”, resumiu.

“A participación é moi importante para poder continuar”, sentenciou Noriega, “porque enfrontámonos a poderes fácticos e para isto non vai chegar con ocupar unha institución, o sector cultural debe ter unha dinámica de autoorganización e o concello non debe tutelar, só acompañar".

"Enfrontámonos a poderes fácticos e para iso non vai chegar con ocupar unha institución, o sector cultural debe ter una dinámica de autoorganización

Ron aproveitou a oportunidade para explicar que el “vencera o medo a que o vincularan cun grupo político pero é un medo que aínda segue a atoparse nos artistas”. “Nós traballamos con independencia”, subliñou o actor, “hai un equilibrio entre Compostela Aberta e os que realizamos o documento”. “Non queda outra que posicionarse se queremos que as cousas cambien”, sentenciou.

 

O candidato, Martiño Noriega, entre o público asistente CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.