"O congreso do PSOE debe servir para renovar tamén o socialismo galego, que boa falta nos fai"

Caamaño, nun mitin do PSdeG CC-BY-NC-SA PS

Que espera do congreso, como socialista e como socialista galego?
Do próximo congreso agardo unha renovación do Partido Socialista. Dende o punto de vista orgánico e na forma de facer política, e tamén unha renovación de ideas. Todos estes ingredientes son fundamentais porque a esquerda precisa conectar cos cidadáns, despois de dúas derrotas electorais, para facer oposición á dereita en España e en Europa. Nunha liña como teñen feito os socialista franceses e daneses ou como xa están a facer os italianos.

Que pode achegar ao socialismo a señora Chacón que o señor Rubalcaba non podería?
Eu só podo falar do que creo que pode facer Carme Chacón. A comparación déixovola aos que estades a seguir o congreso [ri]. Carme Chacón supón valentía nun momento no que a sociedade ten medo ao futuro. Supón coraxe e novas ideas, capacidade de ilusionar e de levalas á práctica. Achega unha maior autenticidade e a forza necesaria para facelo.

A señora Chacón sinalou nas últimas semanas que un dos erros do PSOE nos últimos anos foi darlle prioridade ao debate territorial. Que postura cre que debería adoptar o partido ao respecto tras o congreso?

"O debate territorial foi prioritario cando a xente tiña emprego"

Eu creo que cómpre administrar as prioridades. O debate territorial produciuse na España do entorno do ano 2005, nun momento de crecemento e desenvolvemento económico, cun paro exclusivamente tecnico, no que a xente tiña emprego, sen problemas no mantemento do Estado do Benestar. Agora a prioridade ten que ser outra, temos un país con cinco millóns de parados e un Goberno que está a recortar servizos públicos, cando non directamente a privatizalos, como está a acontecer na Xustiza. Fronte a iso fai falta unha esquerda cun discurso cívico profundo. Esa é a prioridade, a socialdemocracia da xente. O primeiro é que a xente teña traballo e darlle protección social.

Nese sentido, de cara ao congreso de Sevilla vostedes falan dun rearmamento ideolóxico da socialdemocracia; como se pode concretar no actual contexto de crise?

"Cometemos o erro de deixarnos levar pola gobernanza dos números"

En primeiro lugar ofrecendo unha solución económica desde a esquerda. Parece que as únicas receitas son as da dereita, un dos erros que puidemos cometer foi deixarnos levar pola gobernanza dos números, como se a cohesión social non fose tan importante como o PIB. Temos que rearmarnos, dicirlle á xente que hai que ter tolerancia cero co despilfarro. Cando o cidadán está nunha praza pública, cando ten unha bolsa da universidade, tamén é responsable público. Esa ética hai que reivindicala non só no plano da política, cómpre facer pedagoxía de valores a sociedade.

Polo tanto, habería que deixar de ter o control do déficit público como única guía de goberno?
Nós vivímolo e levamos tempo dicíndoo. Só con austeridade e con contención non se sae da crise. Precisamos alongar os prazos para a redución do déficit e políticas dende o sector público que axuden a reactivar a economía.

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, vén de optar por apoiar ao señor Rubalcaba, di que é a posición maioritaria dos socialistas galegos, está de acordo?
É a súa opinión e o seu sentir. Moitos pensamos de xeito distinto e o importante ao final é o que digan os delegados. Iso vai ser o único importante, o voto de cada delegado, que é secreto e polo tanto non é previsible. Van actuar en conciencia, buscando o mellor para o partido e para o país.

Que efectos pode ter o resultado no PSdeG, en xeral e máis concretamente no seu congreso?

"A Xunta adormece día a día"

Sen dúbida, o congreso vai ter un efecto sobre toda a estrutura do partido. Se se admiten as emendas para que haxa primarias, iso vai afectar á estrutura do partido, porque poderá haber diversos compañeiros que queiran ser candidatos a unha alcaldía ou á Xunta. Iso tamén dá posibilidade de facer equipos, de ter programas máis flexibles, de ter debates ante a cidadanía... un novo método de facer política. Oxalá, como moitos pensamos, repercuta para ben e permita renovar tamén os socialismo galego, que boa falta nos fai, para facer fronte a unha Xunta que adormece día a día. Vemos que Feijóo desde que chegou mentiunos a todos con promesas como acabar co paro en poucos días. Galicia non pode seguir languidecendo, precisa un proxecto ilusionante que a defenda. Os galegos, se nos poñemos de acordo, somos quen de logralo.

Como condiciona o seu futuro político o resultado deste congreso?

"Debemos seguir a senda da esquerda europea"

Eu estou traballando con moitísima ilusión porque creo que a renovación é unha necsidade, adaptarse non só para este partido, seguir a senda do que fixeron outros partidos da esquerda europea é o mellor camiño. Esa é a tarefa na que agora estou. A segunda tarefa é ser deputado no congreso dos deputados e montar a oficina do parlamentario na provincia da Coruña, para que os cidadáns poidan falar co seu deputada, ao estilo doutros deputados nos países anglosaxóns. O seu deputado estará aquí e non só traballará nos días que haxa pleno.

Malia non estar nesa tarefa, pedíronlle xa que desempeñe algunha outra, como encabezar unha alternativa no PSdeG?
Non falei absolutamente nada diso. Os compañeiros saben que estou comprometido e pendente do que pase no congreso. A partir de aí, haberá un día seguinte. Non cómpre anticipar.

Aínda non llo pediron, pero poderían pedirllo?

"Cómpre chamarlle ás cousas polo nome: laicismo, redistribución da riqueza"

Non teño falado destas cuestións. Saben que estou botándolle unha man á compañeira Carme Chacón. Ao día seguinte o importante é o traballo que temos feito desde o punto de vista das ideas. Xa quedo contento se conseguimos que este partido teña primarias e chame ás cousas polo seu nome, como o laicismo a solidariede ou a redistribución da riqueza.

Está preparado o PSdeG para enfrontarse a unha campaña electoral que podería chegar este outono?
Por suposto. O PSdeG é un partido permanentemente ligado á realidade galega e está preparado para todos os escenarios. Gustaríanos que se esgotase a lexislatura, porque quen ten maioría absoluta non elemento especial para adiantar eleccións e se o fai, tería que explicalo. Pero se o fixese, sen dúbida estamos preparados para ese reto e para defender outras políticas imprecindibles para Galicia.

 

Chacón e Caamaño, con simpatizantes en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.