O Consello de Estado desmonta o plan de Rajoy para modificar a lei do aborto

Manifestación polo dereito ao aborto en Vigo © PGDA

Cando o Goberno central renunciou á reforma do anterior ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, advertiu de que prohibiría a interrupción do embarazo de menores de idade sen o consentimento dos seus pais. Para modificar un dos aspectos máis batallados polo PP da lei de prazos de Zapatero, a vía elixida polo Executivo foi o anteproxecto de Lei de Protección da Infancia, que se atopa en fase consultiva. Pero o Consello de Estado botou por terra con esa opción. "Unha lei ordinaria non pode modificar unha lei orgánica", resumen fontes desa institución.

Así que o Goberno de Mariano Rajoy deberá buscar un plan alternativo ao que anunciara publicamente e que debía completarse en "semanas", segundo afirmaba a vicepresidenta do Goberno o pasado 21 de novembro. Con esa estratexia en vía morta, a modificación da Lei Orgánica de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, de 2010, queda no aire.

Aínda que non desaparece das prioridades do Executivo, como se desprende das declaracións de Soraya Sáenz de Santamaría tras o Consello de Ministros deste venres. Santamaría, -que asumiu as rendas da carteira de Sanidade tras a dimisión de Ana Mato- reiterou a intención do Executivo de obrigar ás menores a contar co consentimento dos seus pais para interromper os seus embarazos. Para iso buscarase "a vía legal" necesaria, afirmou ante as advertencias do Consello de Estado.

Unha lei de rango menor

A conclusión do ditame do Consello de Estado (non vinculante), que adiantou El País, afecta aos propósitos do Goberno aínda que no órgano consultivo insisten en que non se referiron en ningún momento á vixente lei do aborto. "No texto que nos enviou o Goberno non aparece en ningún momento a mención á lei do aborto e o ditame non se refire a esta", apuntan.

"É obvio, non se pode modificar unha lei orgánica a través dunha lei ordinaria", indican fontes do Consello de Estado

Con todo, o anteproxecto de Lei de Protección á Infancia si inclúe a modificación da lei de 41/2002, reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica. Respecto desta norma, o anteproxecto modifica o consentimento dos menores emancipados ou maiores de 16 anos pola obriga da autorización dos representantes legais. "O Consello de Estado o que fixo é lembrar que non se pode regular o consentimento de leis orgánicas nunha lei ordinaria, que as modificacións só afectarán a leis ordinarias", explican fontes do organismo.

"É que é obvio. Non se pode modificar unha lei orgánica a través dunha lei ordinaria, porque ten un rango de lei inferior", explican desde a institución. "O consentimento nunha lei orgánica necesita doutra lei orgánica para ser modificado", insisten.

Moi poucos casos

A vixente Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo obriga as mozas de 16 e 17 anos a que informen os seus pais da súa intención de abortar, tal e como recolle o artigo 13 da normativa. Só cando "a menor alegue fundadamente que iso [o coñecemento paterno] lle provocará un conflito grave" se prescinde da información.

Case o 90% das menores que interromperon o seu embarazo fixérono co acompañamento dos pais

Só 113 mozas de 16 e 17 anos dun total de 913 que decidiron abortar entre xaneiro e setembro deste ano fixérono sen o coñecemento dos seus pais, segundo un estudo realizado pola Asociación de Clínicas Acreditadas para a Interrupción Voluntaria do Embarazo (ACAI). Iso significa que case o 90% das menores que interromperon os seus embarazos fixérono co acompañamento dos seus pais.

Con este novo contratempo, un dos proxectos estrela cos que Rajoy chegou á Moncloa queda novamente conxelado. Daquel primeiro anuncio do hoxe exministro Alberto Ruiz-Gallardón de que a reforma  estaría lista no outono de 2012 ao retoque co que a hoxe exministra Ana Mato prometía resolver o tema en poucas semanas, pasaron case tres anos. Mentres tanto, os grupos máis conservadores do PP  saen á rúa a reclamar "o compromiso pola vida" que o partido levaba no seu programa de Goberno. Quedan oito meses para un plan B.

Acción da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto CC-BY-SA Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.