O Estado sancionará os dirixentes autonómicos que non dediquen o superávit a pagarlles aos bancos

Sáenz de Santamaría explica a Lei de Transparencia © Goberno de España

Segue a gañar a banca. O Goberno central vén de poñer en escena, a través dun informe coñecido polo Consello de Ministros, a primeira Lei de Transparencia con rango estatal, unha norma que suporá un notable avance en materia de acceso á información manexada polo Goberno de España e por moitas autonomías cuxa xestión se caracterizou historicamente pola súa opacidade. En Galicia tamén se abrirán un chisco máis as fiestras de San Caetano, se ben boa parte dos preceptos que a vicepresidenta Soraya Saénz de Santamaría anunciou este venres xa son unha obriga para a Xunta dende a aprobación en 2006 da Lei de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega. Pero, á marxe desa mellora na publicidade dos datos manexados polas administracións, a nova normativa traerá consigo un notable endurecemento das xa restritivas políticas anti déficit do gabinete de Mariano Rajoy. A propia Santamaría recoñece que o plan é "duro" e, en síntese, podería derivar en que un conselleiro ou un presidente autonómico poida rematar sancionado ou mesmo inhabilitado se non ten no control ríxido das cifras no cerne das súas preocupacións.

Se a Xunta ingresa máis do que gasta e decide investir o superávit en infraestruturas ou gasto social e non en débeda, haberá sanción

Se ben o texto íntegro da lei non será público ata o vindeiro luns, cando se abrirá un período de exposición pública de quince días para que a cidadanía faga achegas, dende La Moncloa xa chegan algunhas pistas que permiten afirman que, dende a entrada en vigor da norma -previsiblemente, no outono-, autonomías, concellos e o propio Goberno central terán que exercer o seu labor cun ollo posto nos bancos. Isto acontecerá porque, no "código de bo goberno" incluído na lei se fai aínda máis ríxida a Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria, impulsada por Rajoy ao chegar ao poder.

O "incumprimento deliberado do nivel de débeda pública" ou a "non formulación dos plans económico financeiros ou de reequilibrio" darán lugar a sancións. Isto que quere dicir? Por exemplo, explica Sáenz de Santamaría, se unha autonomía "ten superávit" e "sen ningún motivo de casos excepcionais -catástrofes naturais ou outro tipo de emerxencias- resulta que gasta e non baixa o nivel de débeda" considerarase que "hai unha conduta deliberada que leva a impoñer unha sanción". Así, por exemplo, se en época de bonanza a Xunta ingresa máis do que gasta e decide investir ese superávit en infraestruturas ou gasto social, a conselleira de Facenda ou o propio presidente, dependendo dos casos, serían sancionados.

Nos casos "graves ou moi graves" os gobernantes serán castigados con inhabilitacións de ata dez anos

E, cales son esas sancións? Á espera de coñecer o texto íntegro da lei e o seu desenvolvemento regulamentario, dende o Goberno xa se avanza que "a comisión destas infraccións" pode dar lugar dende á "destitución dos cargos públicos", á "non percepción de pensións indemnizatorias", pasando pola "obriga de restituír cantidades indebidamente percibidas", se é o caso ou, nos casos "graves e moi graves", inhabilitación -impedimento para exercer un cargo público- "de entre cinco e dez anos". En todos os casos, as sancións serán ditadas por un organismo "independente", a actual Axencia de Calidade dos Servizos e Valoración das Políticas Públicas.

Un 'Portal da Transparencia' polo que non pasará o rei

A Casa Real non está afectada pola lei porque "non é unha Administración pública"

Mentres no ámbito do férreo control económico esta lei ven afondar na liña dos recortes no contexto da crise o outro gran piar da norma, a transparencia, si trae consigo un avance significativo. Dende o Goberno central aos concellos todas as Administracións terán que pendurar de Internet toda a información relativa aos seus contratos, subvencións, convenios e retribucións de altos cargos, entre outros aspectos -algo que, polo xeral, en Galicia xa é accesible na Rede-. Trátase, explican, de "ampliar os ámbitos subxectivo e obxectivo do dereito ao acceso á información" e, por iso, calquera cidadán poderá reclamar un dato ou documento concreto e deberá recibilo no prazo dun mes. Os únicos límites, asegura o Executivo, serán "a seguridade, a defensa, as relacións exteriores, a seguridade pública ou a prevención, investigación e sanción das infraccións penais, administrativas ou disciplinarias".

Con todo, esa "ampliación de dereitos" petará, cando menos, contra unha porta: a da Casa Real, que seguirá sen ter que publicar máis datos dos que considere oportunos. A ausencia de publicidade e, polo tanto, do correspondente réxime sancionador débese, segundo a vicepresidenta Sáenz de Santamaría, a que a institución monárquica "non é unha Administración pública". Así as cousas, as remuneracións do rei e demais membros da súa familia só seguirán sendo públicas se así o ven conveniente. Non acontecerá o mesmo cos gobernos central e autonómico e, moi especialmente, cos Concellos. Cada ano, os Orzamentos Xerais do Estado establecerán un baremo de remuneracións para alcaldes e concelleiros en función de variables como o tamaño dos municipios e as súas "circunstancias socioeconómicas".

Sáenz de Santamaría explica a Lei de Transparencia © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.