Este venres reiniciouse o xuízo da Gürtel valenciana, polo financiamento ilegal do PP de Francisco Camps, con grande expectación ante as novas "revelacións" que puidesen realizar Pablo Crespo ou Álvaro Pérez el Bigotes, cuxos avogados solicitaron unha suspensión da vista para reformular as súas estratexias de defensa por mor das confesións de Francisco Correa e o nove empresarios acusados.
Crespo recoñeceu que o PP pagou en diñeiro negro para a caixa 'b' de Correa e que Orange Market facturou aos empresarios os actos de campaña de Camps
Crespo -que foi número 3 do PPdeG e exerceu durante case unha década como como secretario de Organización da formación, até 2003- recoñeceu que o Partido Popular valenciano pagoulles en diñeiro negro para a caixa b de Francisco Correa, así como tamén confirmou que Orange Market facturoulles aos empresarios os actos de campaña do PP de Camps. Tras evitar inicialmente facelo, ao final acabou sinalando a Ricardo Costa como o dirixente que lle indicou que os actos do PP os pagarían os empresarios (tal e como Correa apuntou directamente na súa declaración).
"Nunha reunión con Costa e Álvaro Pérez, Costa díxonos que non tiñan cartos para pagarnos e que a única solución era que cobrásemos dos empresarios", declarou Crespo, quen puntualizou que o traballo de el Bigotes era o de "captar negocio".
"A min a solución de cobrarlles aos empresarios non me gustaba, pero ao final aceptamos porque se non iamos entrar en concurso de acredores", recoñeceu o ex-dirixente do PP de Galicia, quen puxo como exemplo un acto do PP de Castelló: "Fomos cobrarlle a Alberto Fabra, que era o líder do PP local, e díxonos que iso pagábao o PP rexional. Ao final esa factura pagóunola a empresa Piaf, que era de Castelló".
Pablo Crespo foi número 3 do PPdeG durante case unha década e conselleiro de Portos de Galicia ata a chegada do bipartito
Crespo, tamén ex-director de sucursal de Caixa Galicia en Vilagarcía de Arousa, foi relevado do seu posto de secretario de Organización do PPdeG en 2003, pero acabou como conselleiro de Portos de Galicia (2003-2005), sendo o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, conselleiro de Política Territorial e até que o goberno bipartito accedeu a San Caetano. Durante a súa etapa cos populares galegos foi un home discreto, pero todo o mundo sabía do seu poder: era o home do maletín nunha época na que circulaban moreas de lendas sobre o financiamento irregular do partido.
Crespo, acusado dunha lista interminable de delitos e condenado por varios como un dos xefes de Gürtel, desvelou os segredos económicos do PP de Fraga en 2013 a Jordi Évole no programa Salvados: "Declarabamos que nas campañas se gastaban 1,2 millóns de euros, cando en realidade custaban tres ou catro. Recibía doazóns que non se declaraban. Cada ano, polo menos uns 300.000 euros, o cal se incrementaba moitísimo en campaña. Entre un 35% do d iñeiro era regular e o 65% era irregular, non declarado, por así dicilo. Metíase nuns cartafois de cartón azul con gomas que había hai anos. Era diñeiro non declarado. Era parte do meu traballo, eu tiña que coidar que esas doazóns que chegaban non se perdesen polo camiño. A organización por dentro funcionaba así e até hai pouco seguía facéndoo. O meu traballo era conservar a estrutura aboiando, que a xente cobrase a fin de mes e os provedores cobrasen a fin de mes. Eu era consciente de que eran métodos irregulares".
Francisco Camps e Núñez Feijóo facendo un treito do Camiño de Santiago en 2010 / © Xunta
"Camps pediume que traballase na Comunitat Valenciana"
Ademais, na súa declaración, el Bigotes empezou o seu interrogatorio explicando que ía contar o que viu ou viviu. Así, explicou que traballaba para o grupo Correa montando mitins para o PP e que ía á sede da rúa Génova a cobrar cando lles debían algo. "Tiña cartón como calquera empregado do PP para entrar na sede da rúa Génova", dixo, tras lembrar que estaba baixo moita presión porque montaba mitins para o presidente do Goberno.
Álvaro Pérez afirmou que montou a campaña electoral de 2003 na que Camps chegou a presidente da Generalitat
Tras unha discusión coa xefa de prensa de Mariano Rajoy, Pérez dixo que pediu a Correa deixar a empresa. Días despois, engadiu, atopouse con Francisco Camps, quen lle foi presentado por Alejandro Agag, e este díxolle que marchara a València a traballar.
Álvaro Pérez afirmou que montou a campaña electoral de 2003 na que Camps chegou a presidente da Generalitat. Tras esa vitoria, "Camps pediume que viñese vivir á Comunitat Valenciana. Consulteino coa miña muller e cara a alá que nos fomos", asegurou. Ademais, engadiu que Camps deu o visto e prace para que a Gürtel cobrase aos empresarios que confesaron financiar ilegalmente ao PP valenciano.
Precisamente, o agora presidente da Xunta e líder do PPdeG, Núñez Feijóo, asegurara en varias declaracións de hai anos a súa confianza no traballo de Francisco Camps. "Non meteu a man", dicía, aínda que "aparentemente si meteu a pata". Nunha entrevista na revista Vanity Fair, o xefe do Executivo galego era aínda máis explícito: "Persoalmente estou convencido de que Francisco Camps non meteu a man na caixa. Hai que ver a sitaución nan que el se fixo cargo do Goberno valenciano. O estado das súas contas cando entrou, o déficit público que tiña a Generalitat e un acordo de financiamento, na miña opinión nada equitativo, son datos á hora de valorar a súa xestión económica e financeira".