O foro de Marea.gal valorará a incorporación solicitada dende Pola Unión

Mesa de partidos celebrada o pasado setembro CC-BY-SA Marea.gal

O foro político organizado polo Encontro Cidadán para unha Marea Galega (Marea.gal) valorará a incorporación solicitada dende Iniciativa Pola Unión (IxU). Así o vén de facer público nun comunicado logo de que IxU manifestase onte a súa "disposición  para propiciar o entendemento e participar activamente" no cónclave que pula por unha candidatura galega de unidade popular. 

Marea.gal aclara que a vontade amosada por IxU non supón acordo ningún entre plataformas

Así, Marea.gal aclara tras a comunicación feita pública pola IxU da súa "vontade de incorporarse" que "as bases de consenso desde foro son públicas", ao igual que "o feito de que ese espazo está aberto a calquera organización política ou social que acepte eses consensos". "A decisión feita pública por IxU non supón acordo ningún entre ambas plataformas senón que é unha decisión que esa organización adopta soberanamente, como o pode facer calquera outra", insiste o Encontro, que recoñece contactos entre as coordinadoras de ambos os dous espazos.

Segundo Marea.gal, a petición vía correo realizada por IxU foi trasladada ás demais organizacións que neste momento constitúen o foro "para o seu coñecemento". Iniciativa anuncia nela a súa "vontade de participar", unha demanda que será "tratada no seo do propio foro entre todos os axentes que o conforman". 

Para o Encontro, IxU "amosa a súa vontade de incorporarse ao que xa está en marcha" e aclara que "os consensos que serven de base están claramente expresados"

Deste xeito, Marea.gal aclara que "non existe, xa que logo, ningunha convocatoria que supoña a apertura dun novo proceso". "Só a manifestación por parte dunha organización da súa vontade de incorporarse ao que xa está en marcha", insiste este plataforma, que asegura que "os consensos acadados e que serven de base para o foro político están claramente expresados e calquera axente que desexe integrarse nel debe expresarse ao respecto coa mesma clareza".

As forzas participantes no foro político (Anova, Cerna, CxG -que vota o día 24 como concorrerá ás xerais-, Espazo, Equo, EU e Podemos e mais a propia Marea.gal) apostaron por ir "unidas" ás xerais e ás galegas. O encontro ía estar inicialmente auspiciado por Marea.gal pero tamén por IxU, que acusou a Marea.gal de reducir a convocatoria a oito partidos, que xa participaran nun encontro anterior, impedindo "un acto aberto, plural, no que teñan cabida todas as organizacións políticas e partidos que o desexen". Estas "exclusións" foron tamén o motivo aludido polo BNG -o outro partido convidado para "declinar" participar no cónclave.

Por outra banda, o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, asegurou este mércores que "quen diga que o BNG pon obstáculos á unidade é un mentireiro ou está en Marte". Respondeu así ás acusacións de Beiras e sinalou a Anova por levar ra cabo "esforzos por mendigar concesións por parte de forzas estatais". Con todo, cre que a nova convocatoria do foro político é unha oportunidade pero asegurou que "ten que estar clara cal é a aposta de cadaquén. A nosa é ter un grupo parlamentario propio para defender os intereses do país; s outros teñen outra, terán que explicala". 

Acto organizado por Marea.gal CC-BY-SA Marea.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.