O gasto da Xunta en publicidade pagaría cinco anos de soldos do Parlamento

Vista dunha sesión plenaria recente no Parlamento © Parlamento de Galicia

Pasada a a semana das Letras Galegas e despois dunha sesión plenaria na que o PP, novamente, non foi quen de silenciar os ecos da polémica causada polas fotografías de Alberto Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado, os conservadores galegos volven sobrevoar a vida política do país co seu plan para recortar o número de escanos do Parlamento de 75 a 61. Despois de remitirlles unha carta aos demais grupos instándoos a iniciar unha negociación ao respecto o voceiro parlamentario popular, Pedro Puy, sinalaba este luns que aínda lles dará "uns días" a PSdeG, AGE e BNG para responder ao emprazamento, se ben lembra a continuación que a reforma se aplicará e que o seu partido ten unha maioría absoluta que lle permite facelo en solitario. Como en días pasados, o conservador foxe do impacto económico da medida.

Malia querer afastar agora o plan da cuestión puramente económica, o grupo que sustenta o Goberno vén mantendo que eliminar 14 escanos implicaría un aforro duns 5 millóns de euros por lexislatura, isto é, calgo máis dun millón ao ano que se lograría, por exemplo, recortando o salario dos deputados e deputadas no entorno do 20%. Pero, ampliando un chisco máis o foco, cabe preguntarse o impacto que teñen nas arcas públicas os soldos que paga a Cámara galega non só aos representantes electos, senón a todo o seu persoal, e se a súa magnitude é ou non comparable a outras partidas orzamentarias. 

O capítulo de persoal do Parlamento ten asignados 7,9 millóns de euros en 2013

Un dos últimos gastos públicos que a cidadanía vén de coñecer é o referido ao gasto en publicidade e propaganda realizado polo Goberno galego durante a primeira lexislatura de Alberto Núñez Feijóo na Presidencia. Como adiantou Praza Pública, estas accións propagandísticas supuxeron 25 millóns de euros ao erario que, contando o Xacobeo, superaron os 40 millóns de euros. Unha ollada aos Orzamentos Xerais da Xunta para 2013 permite coñecer que o capítulo I das contas do Parlamento, o que recolle os "gastos de persoal", está dotado con 7,9  millóns de euros que serven para pagar as nóminas non só dos deputados e deputadas, senón e todo o persoal ao servizo do lexislativo. Isto quere dicir, polo tanto, que o gasto publicitario realizado pola Xunta entre 2009 e 2012 permitiría pagar os soldos da Cámara durante algo máis de cinco anos.

A Cámara vén de devolverlle á Xunta 5,7 millóns que servirían para pagar máis dunha lexislatura enteira os soldos dos deputados que o PP quere eliminar

Do mesmo xeito, dando por boas as estimacións realizadas verbalmente polo PP -os conservadores aínda non presentaron documentación ningunha sobre a reforma-, é posible concluír que eses mesmos gastos en publicidade multiplican por oito o aforro que prevén lograr co recorte ao Parlamento. Non obstante, a decisión de pasarlle a tesoira ao poder lexislativo tómase despois de que, o pasado abril, a propia Mesa da Cámara decidise -por unanimidade- "devolverlle" á Xunta algo máis de 5,7 millóns de euros procedentes de remanentes de exercicios anteriores, isto é, gastos asignados ao Parlamento que este non chegou a gastar. Esta compensación, que a Xunta suma á súas contas non ingresándolle ao Parlamento a cantidade equivalente entre decembro de 2012 e o primeiro trimestre de 2013, permitiría pagar máis dunha lexislatura enteira os salarios dos deputados e deputadas que o PP quere suprimir.

Estas e outras cifras serán a que acompañen un debate que se prevé prolongado pero que o grupo de Feijóo pretende, non obstante, pechar en forma de reforma da lei de eleccións antes do 30 de xuño, isto é, no presente período de sesións. En calquera caso, os aforros previstos non terían repercusión ningunha ata o inicio da novena lexislatura autonómica, xusto despois de que o electorado galego elixise nas urnas un Parlamento recortado.

Feijóo, con Rueda no Parlamento © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.