O goberno de Louzán é o máis caro das deputacións galegas

Feijóo, con Rueda e os presidentes das deputacións e da Fegamp © Xoán Crespo

Son, xunto ao Senado, as institucións públicas máis frecuentemente cuestionadas, xa sexa pola súa superposición ao modelo autonómico, por seren herdeiras do centralismo máis absoluto ou por non ser produto directo dunhas eleccións. Fronte a este cuestionamento a reforma local que impulsa o Goberno central vén consagrar as deputacións, dándolles máis competencias na prestación de servizos e, polo tanto, máis poder. Neste contexto, unha ollada ás contas públicas dos catro entes provinciais galegos amosa que, malia responder ao mesmo sistema, actúan de xeitos diversos en canto á xestión económica, a comezar polos gastos. Unha delas, a de Pontevedra, destaca por cara a respecto das outras tres.

Nun momento en que as institucións públicas insisten na súa aposta por gastar menos en si mesmas e máis na cidadanía a deputación dirixida por Rafael Louzán (PP) destaca polo gasto en gobernarse a si mesma. A memoria sobre as deputacións que inclúen cada ano os Orzamentos Xerais da Xunta revela que o ente pontevedrés gastou durante 2013 catro millóns e medio de euros en órganos de goberno, unha cantidade que non variou a respecto do exercicio de 2012 e que case duplica o que destinan a esta partida as demais deputacións, a saber: 2,6 millóns en Lugo, 2,5 en Ourense e 2,3 na Coruña.

Os gastos do goberno da Deputación de Pontevedra apenas variaron ao longo da crise

Os gastos do goberno de Louzán non só non foron rebaixados no último ano, senón que apenas sufriron variacións ao longo da actual crise económica. Así, unha análise dos seus últimos cinco orzamentos revela que en 2009, xusto antes da vaga de recortes xeralizados nas administracións, gastaba nestes órganos 4,9 millóns de euros. Nos anos seguintes a partida aínda incrementou un chisco, chegando a tocar teito no ano electoral de 2011, con 5,02 millóns. A continuación, rebaixou levemente ata os devanditos 4,5 millóns. Mentres, as demais deputacións coinciden en recortar esta partida dende 2009, no caso da Coruña e Ourense, e dende 2010, no caso de Lugo.

Os gastos de persoal

A deputación pontevedresa tamén destaca noutro dos capítulos de gasto máis frecuentemente observados nas deputacións, o persoal, neste caso por ser a única que o incrementou entre 2012 e 2013, pasando de 29,9  a 42,7 millóns de euros e chegando a un peso do 28,7% no conxunto do orzamento. A que o reduciu en termos absolutos foi a Deputación de Ourense, de 30,3 a 28,7 millóns, se ben, como destacan os técnicos da Consellería de Facenda, este descenso é "menor ao do seu orzamento total", polo que o gasto de persoal "non perdeu peso relativo na distribución dos gastos, senón ao contrario", producíndose "un incremento de seis décimas máis que en 2012, que levan a que siga sendo neste orzamento no que maior peso teñen estes gastos, chegando ao 43,1%", con "escasa marxe para outros gastos". En Lugo o gasto de persoal pasou de 25,1 a 25 millóns e na Coruña, de 38,7 a 38,3.

A Deputación de Lugo destaca na captación de fondos europeos

Estes son algúns dos principais indicadores orzamentarios dunhas deputacións que, en conxunto, manexaron en 2013 un total de 461,2 millóns de euros, un lixeiro incremento a respecto do exercicio anterior que se debe á suba do volume de recursos co que contou a Deputación da Coruña. Estas cifras tíranse dun orzamento de ingresos no que A Coruña, Ourense e Pontevedra dependen, esencialmente, das operacións correntes, situándose este indicador no 96%. Caso aparte é o de Lugo, cun 10,4% de peso das operacións de capital. Isto débese á importante presenza de fondos europeos no seu orzamento, grazas á súa captación de cartos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou do Fondo Social Europeo para proxectos como InnovaTE2, LugO2 ou o Pacto Provincial polo Emprego.

Pleno na Deputación de Pontevedra © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.