O naval ferrolán irrompe en campaña farto de promesas incumpridas

Besteiro, xunto a Sestayo, na marcha polo naval en Ferrol © PSdeG

Unhas 6.000 persoas participaron este domingo nunha manifestación convocada polos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol nunha marcha comarcal na que se volveu esixir carga de traballo para os estaleiros. Saíron á rúa milleiros de cidadáns nun acto convocado expresamente a dúas semanas das eleccións municipais para reclamar que o sector sexa "o eixo fundamental de todos os programas e de todos os partidos". 

Besteiro, Yolanda Díaz, Carme Adán e varios alcaldes de concellos da comarca participaron na manifestación

De feito, alcaldes de varios concellos da comarca -como os de Mugardos, Narón, San Sadurniño e os populares de Neda ou Fene- participaron nunha manifestación á que tamén acudiron o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro xunto á candidata Beatriz Sestayo, así como Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE xunto a representantes de Ferrol en Común, ou cargos do BNG ao carón da deputada Carme Adán. Foi a sexta marcha comarcal en Ferrolterra nos últimos anos, froito da dura situación de crise que sofre a industria na zona. 

"Queremos que se pase dos anuncios a cortar chapa, para que se dote de emprego ao sector e se revitalice a economía da comarca", asegurou Ignacio Naveiras, voceiro dos traballadores de Navantia Ferrol, mentres que Jorge Prieto, dos estaleiros de Fene, censurou un veto que provoca que Fene "non pareza optar á construción naval convencional".

Os traballadores critican a "utilización demagóxica" dos anuncios para o naval para "calmar" a cidadanía "cando chegan as citas electorais"

Naveiras lembrou que as reivindicacións seguen a ser as mesmas que nos últimos tempos e censurou a "utilización demagóxica" das promesas para "calmar" a cidadanía cando "chegan as citas electorais", insistindo de novo na necesidade de outorgar carga de traballo, non só para fortalecer Navantia, senón "tamén a comarca". Por iso, o voceiro do comité de empresa lembrou que nesta mesma semana volveuse anunciar "o que xa foi anuncio", en alusión á sinatura dun contrato co goberno de Turquía para a transferencia tecnolóxica a este país do proxecto de construción dun buque do tipo LHD. 

Na manifestación, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu un"cambio político" para solucionar a situación do sector naval de Ferrol, que cre que é a cidade que serve como exemplo do "deterioro industrial e perda de emprego e poboación" derivados das "nefastas políticas do Partido Popular". 

Besteiro cre que Ferrol é o exemplo "do deterioro industrial e perda de emprego e poboación derivados das nefastas políticas do PP"

Pola súa banda, Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, esixiu "un futuro" para o sector naval de Ferrolterra a través da "construción de barcos" en Navantia. Ademais, cre que a marcha serve para "mostrar e denunciar as mentiras do PP". Así, esixiu a presentación do "prometido" plano industrial e a construción do dique flotante. Respecto á conveniencia da manifestación en campaña, a líder de EU foi clara: "As campañas son políticas, pídese o voto, e a democracia é estar na rúa todos os días, xa que só deste xeito os traballadores conseguimos algo". 

Representantes de Ferrol en Común na manifestación do naval Dominio Público @ferrolencomun
Carme Adán, deputada do BNG, na manifestación de Ferrol Dominio Público @bngferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.