O Parlamento pon o foco na violencia machista no derradeiro pleno do ano

Concentración contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA GZ Contrainfo

Os asasinatos machistas deste decembro conmocionaron o país, sacaron centos de persoas á rúa e axitaron tamén a opinión pública e a diversos grupos políticos. Mostra disto será o pleno que comeza no Parlamento este martes, o derradeiro do ano. Ata oito iniciativas dos grupos da oposición centrarán boa parte dos debates na fin do primeiro período de sesións da lexislatura con propostas que atinxen dende a atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero ata as accións para previla.

A primeira das iniciativas a debate, unha moción de En Marea, procede do pleno anterior e, entre outros aspectos, insta á promoción de medidas laborais encamiñadas a lograr no horizonte do ano 200 "a igualdade salarial efectiva entre homes e mulleres". Tamén dende o grupo de En Marea formúlase, neste caso como proposición non de lei, unha iniciativa sobre actuacións en materia de igualdade no ensino, apostando pola "coeducación transversal en todas as materias e etapas", a formación do profesorado "en contra das violencias machistas" e a eliminación das subvencións aos centros que segregan en función do sexo.

En Marea propón accións de igualdade no ensino e medidas de loita contra as agresións de xénero no rural, ademais de cuestionar a Feijóo ao respecto

Tamén coa forma de proposición non de lei estará a debate unha iniciativa do PSdeG, que pedirá o consenso da Cámara para instar o Goberno central a habilitar máis xulgados especializados en violencia de xénero, e unha máis de En Marea sobre a abordaxe das agresións de xénero no ámbito rural. "Polas súas características específicas", di a formación, no rural "existe unha maior indefensión dsa mulleres que sofren as violencias machistas" que, din, a Xunta debe contribuír a atallar con campañas informativas e "recursos suficientes".

O PSdeG reclama máis xulgados específicos para abordar a violencia machista

Na parte do pleno en que os grupos da oposición cuestionan o goberno a violencia machista será tamén un dos eixos do pleno. Así, o BNG formula unha interpelación sobre a problemática específica da violencia de xénero que sofren as menores de idade e encádraa, en verbas de Ana Pontón, na reclamación "dun pacto galego contra a violencia de xénero baseado en tres piares: máis recursos, ampliar as leis para lotar pola igualdade e dar pasos para desmontar o patriarcado". O obxectivo estratéxico do Bloque no ámbito institucional, resalta, é que a través dos orzamentos a Xunta chegue a destinar o 1% dos seus recursos "a loitar contra a violencia de xénero e ás políticas que favorezan a igualdade real".

O BNG céntrase nas agresións a menores e aposta por un "pacto galego" contra as agresións de xénero

Na sesión de preguntas ao presidente o voceiro de En Marea, Luís Villares, cuestionará a Alberto Núñez Feijóo "sobre as medidas" que pensa apliar "ante o drama social da violencia e os asasinatos machistas". Na quenda de cuestións ao resto do Goberno a formación reclamará coñecer "as denuncias e casos de violencia de xénero rexistrados na Administración pública galega" e porá tamén sobre a mesa "o tratamento da información nos medios de comunicación" no que atinxe ás agresións de xénero.

Igualdade aproba a dotación orzamentaria para que as vítimas poidan solicitar o salario da liberdade durante todo o ano

Dende a banda do PP o seu voceiro, Pedro Puy, admite que as iniciativas dos grupos da esquerda provocan que "os asuntos relacionados coa violencia de xénero e a igualdade" teñan un "especial protagonismo" nesta sesión e asegura ver "marxe para os acordos". "Dende o Grupo Popular rexeitamos e condenamos todas as accións de violencia de xénero e avogamos pola unidade de acción", afirma, lembrando a recente declaración institucional pactada ao respecto no propio Parlamento. "Se a oposición trae propostas que teñan efectividade e sexan boas para erradicar esta lacra social contarán co apoio do Grupo Popular", di.

Este pleno chega xusto despois de que a Xunta publicase este luns no DOG a resolución pola que amplía a dotación orzamentaria das axudas para vítimas da violencia machista, o coñecido como 'salario da liberdade' que o Goberno vén concedendo dende 2006. O incremento desta partida ata os 3,4 millóns de euros débese fundamentalmente ao acordo parlamentario acadado o pasado verán sobre unha iniativa da daquela deputada do BNG Carme Adán para ampliar a todo o ano a posibilidade de solicitar estas axudas, que ata agora estaban pechadas a solicitudes durante uns tres meses.

Pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.