O Parlamento ponse en marcha á espera dunha investidura de trámite

Constitución da Deputación Permanente da X Lexislatura © Parlamento de Galicia

As comisións parlamentarias son, agás excepcións, as grandes esquecidas da vida parlamentaria na súa dimensión pública, a que transcende aos medios de comunicación ou ás redes sociais. En definitiva, á cidadanía. Apenas algún momento de especial tensión, algunha anécdota ou a aprobación dun asunto moi destacado xira o foco sobre uns órganos que, no entanto, son os piares da vida parlamentaria e, ao cabo, das leis que rematan saíndo da Cámara e afectando directamente á vida diaria. As comisións da décima lexislatura autonómica botaron a andar este mércores á espera de que a terceira investidura de Alberto Núñez Feijóo despexe a vindeira semana os trámites que restan para que o traballo cotián comece de vez.

A maioría absoluta acadada polo PP nas eleccións provoca que os conservadores controlen tamén estes organos na súa totalidade. No entanto, conforme á tradición parlamentaria, unha das doce comisións constituídas este mércores, a de Economía, está presidida por un membro da oposición. Aínda que o costume da Cámara galega outorga este posto a un representante da segunda forza política, desta volta quen o exerce é un deputado da terceira, o socialista Abel Losada. Faino en virtude do acordo de En Marea co PSdeG, empatados a 14 escanos, pacto en virtude do cal a formación que encabeza Luís Villares pechará as quendas da oposición nos debates, como corresponde á segunda forza.

As comisións ocúpanse dun amplo volume do traballo ordinario do Parlamento

Alén das restantes presidencias e vicepresidencias, todas para o PP, as secretarías das Mesas distribúense entre os grupos da oposición tamén en virtude dos acordos acadados nos últimos días. En Marea ocupa o terceiro posto de catro comisións con Luca Chao (Educación), Antón Sánchez (Ordenación Territorial), Juan Merlo (Pesca) e Paula Vázquez Verao (control da CRTVG). O PSdeG exerce outras catro secretarías, con Patricia Vilán nas comisións Institucional e de Estatuto dos Deputados, José Manuel Pérez Seco (Agricultura) e Matilde Rodríguez (relacións co Consello de Contas). O BNG, pola súa banda, conta con dúas secretarías: Montse Prado en Sanidade e Noa Presas en Enerxía e Industria.

En Marea exerce catro secretarías, o PSdeG outras catro e o BNG, dúas

Nesta primeira xornada de traballo intenso da nova lexislatura quedou tamén constituída a Deputación Permanente, órgano que substitúe o pleno fóra dos períodos ordinarios de sesións. Como adoito, o presidente deste organismo é o propio presidente da Cámara, Miguel Santalices, e o seu vicepresidente, quen exerce este rol na Mesa do Parlamento, Diego Calvo. A secretaría foi asignada á socialista Noela Blanco, mentres que entre os vogais dos grupos están os seus líderes: Villares, Leiceaga e Pontón, así como o popular Pedro Puy e tamén Alberto Núñez Feijóo, se ben o presidente da Xunta adoita delegar a súa representación.

Á espera do goberno

Estes trámites avanzan remudas nas delegacións territoriais da Xunta

Estes trámites de constitución non ofrecen excesivas pistas a respecto de cal será a composición do vindeiro Consello da Xunta, se ben si poden permitir avanzar algúns cambios noutra estruturas gobernamentais. Así, por exemplo, que o PP situase na Mesa da Comisión Institucional aos deputados Marisol Díaz Mouteira e mais a Ignacio López-Chaves convida a pensar que ningún dos dous recuncará nas delegacións territoriais da Xunta, Ourense e Vigo, que ocuparon no treito final da pasada lexislatura. Esta circunstancia, unida á obrigada renovación das delegacións coruñesa e lucense pola colocación de Diego Calvo e Raquel Arias na Mesa da Cámara convida a pensar nunha remuda practicamente total das delegacións, xa que só permanece sen novo cargo asignado José Manuel Cores Tourís, delegado en Pontevedra dende 2009.

A constitución do Executivo mudará notablemente a composición do grupo do PP 

A posta en marcha das comisións permite que os grupos da oposición aborden xa o seu traballo ordinario, pero non así o PP. A máis que probable designación dun bo número dos seus membros para cargos intermedios da Xunta, provocará, como xa sucedeu nas dúas anteriores lexislaturas, múltiplas renuncias ás actas parlamentarias e a incorporación de novos membros ao Parlamento pola banda conservadora. Será nese momento cando o grupo que encabeza Pedro Puy distribúa portavocías e responsabilidades internas.

Votación na constitución da Deputación Permanente © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.