O Parlamento xa aforra máis do que o PP prevé coa redución de escanos

Pleno no Parlamento © Parlamento de Galicia

A "austeridade". O argumento que, dende o inicio da crise, foi empregado para xustificar practicamente todas as medidas políticas de recorte é tamén un dos lugares comúns no argumentario do PP para xustificar a súa intención de reducir o Parlamento dende os actuais 75 escanos a 61, o mínimo posible sen reformar o Estatuto de Autonomía. Aínda que, en función do dirixente conservador ao que se lle consulte, o argumento da contención de gasto é empregado con maior ou menor intensidade, o certo é que os únicos datos obxectivos ofrecidos ata o momento van nesa dirección. Así, por exemplo, o vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PP, Alfonso Rueda, asegura que suprimir 14 actas de deputado e deputada implica aforrar uns 5 millóns por lexislatura. A pasada lexislatura ese aforro xa se produciu sen redución ningunha.

Estes datos son, cando menos, os que manexa a Presidencia do Parlamento. Segundo o gabinete de Pilar Rojo "as sucesivas medidas de axuste do gasto" aplicadas entre 2009 e 2012 "permitiron aforrar un total de 6.817.069,48, isto é, case dous millóns máis do que o PP prevé deixar de gastar co seu recorte. "A política de racionalización de gasto traduciuse na implantación de medidas de axuste en practicamente todos os ámbitos, agás nos e tecnoloxías da información" xa que a "obsolescencia da maior parte dos equipos" fixo necesarios novos investimentos, aseguran.

Con 75 deputados a Cámara reduciu o gasto 2 millóns máis do que o PP calcula que aforrará a retallada

Así, detallan, un "primeiro plan de austeridade" derivou nun aforro "de arredor de 1,7 millóns de euros. A continuación chegou un maior "control sobre todos os gastos de funcionamento" e, sobre todo, a tesoirada ás remuneracións dos deputados e deputadas, derivadas do réxime económico pactado na etapa de Dolores Villarino (PSdeG) como presidenta e que implica, entre outros aspectos, que os parlamentarios e parlamentarias non paguen IRPF por máis de 2.000 euros do seu soldo. O recorte salarial, que é o que agora apoia en boa medida a oposición no canto de recortar escanos, aplicouse en 2010 despois dunha conxelación en 2009. Ademais, "suprimiuse tamén a indemnización que tradicionalmente viñan percibindo os deputados por cesamento de actividade" e, a finais de 2012, "trasladouse á nómina dos deputados" un desconto equivalente a unha paga extra, para así equiparárense co persoal público.

Todo isto aconteceu nun contexto no que a Xunta lle foi reducindo sistematicamente o orzamento ao Parlamento, pasando de 19,6 millóns de euros en 2009 a 17,4 en 2012. Todo isto, como xa detallou Praza Pública, produciuse nun período no que o lexislativo acumulou un remanente de tesouraría de 5,7 millóns de euros que, por acordo da Mesa da Cámara, lle foi devolto ao Goberno. Malia todas estas cifras os conservadores manteñen a súa aposta de reunir os grupos parlamentarios para levar adiante o receorte e advirten de que, no caso de non haber acordo, reduciran o Parlamento en solitario.

 

 

Pleno no Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.