Case 200.000 votos. É o que o PP galego deixou polo camiño nestas eleccións municipais a respecto da convocatoria de hai catro anos. Os conservadores seguen sendo a forza máis votada do país pero este 24-M colleitaron o seu peor resultado nunhas municipais dende a fundación do partido. Os algo máis de 520.000 votos que reflicte o escrutinio provisional devolve os de Feijóo aos tempos inmediatamente posteriores a Alianza Popular, aínda que cuns 40.000 votos menos.
Nos primeiros comicios locais tras a creación do PP, os de 1991, a formación daquela liderada por Manuel Fraga ficou por riba dos 565.000 votos. O terceiro resultado con menor número de apoios para o PP produciuse con Feijóo xa á fronte do partido, en 2007. Daquela, co bipartito na Xunta, os populares recadaran 655.000 votos. Por baixo dos 700.000 votos estiveron tamén en 2003, naquela ocasión chegando os 695.000.
O resultado destas municipais son, polo tanto, notablemente inferiores aos de 2011, cando os de Feijóo lograron 709.000 votos e aínda peores se son comparados cos de 1999, ano no que o PP de Fraga iniciara xa o seu declive e chegar aos 710.000. O mellor resultado do PP galego nuns comicios locais produciuse en 1995, cando poucos meses antes da victoria de José María Aznar no Estado os concellos galegos lles achegaran 757.000 votos.
Feijóo compárase co resto do PP
Feijóo chama a atención sobre que o PP ten en Galicia maior porcentaxe de votos que no conxunto do Estado
Neste escenario, tras coñecer os resultados das urnas o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, optou por salientar que o seu partido "volveu gañar as eleccións" e "segue a ser o partido maioritario en Galicia". Como xa acontecera tras os comicios europeos de hai un ano Feijóo aférrase tamén á comparación porcentual co PP no conxunto do Estado: "tivemos en Galicia un 36% dos votos e en España, o 27%". Ademais, subliña, "o PP saca unha diferenza coa segunda forza de 10 puntos" e "algo maís de 20 puntos" a respecto do BNG.
Cos números sobre a mesa Feijóo indica que "é certo" que "non acadamos nalǵuns concellos as maiorías con amplitude" e, por iso, felicita "as candidatas e candidatos que gañaron no seu concello, con independencia do seu partido". Así as cousas, resalta, o PP disponse a "recuperar a confianza maioritaria onde non a tivemos".