O PP acelera a contrarreforma do aborto para deixala durmir ata setembro nas Cortes

Mato e Ruiz-Gallardón, nunha reunión do Consello de Ministros © Goberno de España

O timing estaba calculado: despois da campaña para as eleccións europeas e o máis afastado posible das eleccións municipais da primavera de 2015. O Goberno botou contas e descubriu que para cumprir os seus propios tempos ten que acelerar o paso. Esta semana quedará practicamente resolta a fase consultiva do polémico anteproxecto de lei do aborto, xa que previsiblemente o Goberno non enviará o texto ao Consello de Estado.

Así as cousas, só habería que retocar o texto se se aceptase algunha das recomendacións do Consello Xeral do Poder Xudicial -o CGPJ vota este venres- e do Consello Fiscal e remitilo a Moncloa para a súa aprobación no Consello de Ministros. E de alí ás Cortes. Pero o tratamento dunha lei orgánica, como neste caso, é máis complexo, así que non podería empezar a tratarse até a volta das vacacións. Con todo, moitos apuntan que a estratexia é ter o proxecto en marcha e 'durmindo' no Congreso durante meses para aplacar o debate social.

"Así arrefrían o tema até setembro, para tentar acalar a polémica", asegura o deputado de EU Gaspar Llamazares. "Despois presentarán algunha pequena modificación, por exemplo no suposto de malformación, e venderano como unha cesión e como vontade de consenso. Trátase de marear a perdiz, distraer para vender a súa propia lectura", analiza.

Outras fontes parlamentarias apuntan nese mesmo sentido. A lei entraría antes de acabar o período de sesións ordinarias sabendo que o fai en vía morta. "Sería impresentable que se fixese cun trámite de urxencia, dada a oposición que xerou e que afecta a dereitos fundamentais das persoas", opinan no grupo parlamentario ICV.

A lei entraría antes de acabar o período de sesións ordinarias sabendo que o fai en vía morta

Para a secretaria de Igualdade do PSOE, Purificación Causapié, é evidente que o Goberno tenta silenciar o debate, e como contrapartida promete "un verán intenso de mobilización" por parte do PSOE, a través dunha recolección de sinaturas a nivel europeo e con mobilizacións "que xa están a preparar distintas asociacións de mulleres".

No Ministerio de Xustiza sinalan que se están seguindo os pasos establecidos e que de ningunha maneira se aceleraron. Ademais, explican, "que os ditames dos órganos consultivos sexan públicos non quere dicir que estean xa en poder do ministerio". De acordo cunha portavoz da carteira que dirixe Ruiz-Gallardón, hai que esperar a ter todos os informes, analizar se se fai algunha modificación para entón redactar o texto final. E o Consello de Estado? "Non se decidiu aínda se se enviará ou non", afirma esta portavoz. Aínda que tampouco aclara cando se tomará esa decisión ou se depende do número de recomendacións que inclúan no proxecto final.

Sanidade 'pon as pilas'

"Estamos ao debate europeo que agora toca", dicía Ana Mato hai apenas unhas semanas ante o Congreso. Pero unha vez esgotado ese debate, toca porse inmediatamente a aquilo que os comicios deixaran no aire. Por iso este mércores os representantes autonómicos deberán votar o informe de Sanidade sobre o impacto que pode supor a nova lei do aborto no Sistema Nacional de Saúde.

E non é un detalle sen máis. A mesma secretaria de Estado de Igualdade, Susana Camarero, lembrou este martes que "é obrigatorio que as comunidades autónomas se pronuncien" para poder elaborar o proxecto definitivo.

Este mércores os representantes autonómicos deberán votar o informe de Sanidade sobre o impacto que pode supor a nova lei

Causapié acusa a Mato de introducir "de maneira precipitada" a avaliación do seu ministerio sobre a nova lei no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Os socialistas pediron que se retire da orde do día, do mesmo xeito que os gobernos de Andalucía, Asturias e Canarias.

A presidenta da Federación de Mulleres Progresistas (FMP), Yolanda Besteiro, denuncia que o Goberno tratará  o informe sobre o impacto sanitario o mesmo día en que o Congreso dos Deputados votará a Lei Orgánica da Abdicación. "Buscan que todo o referido á lei pase desapercibido”, esconder todo o que teña que ver con ela", asegura.

Varias alegacións no CGPJ

A aprobación do informe de Sanidade practicamente completa a travesía consultiva do anteproxecto, que finalizará este venres coa votación do CGPJ sobre as análises que elaboraron dous vogais (unha do sector conservador e outra do progresista) sobre a norma que impulsa o Ministerio de Xustiza. Ambos coinciden en sinalar varios fallos xurídicos na redacción do texto.

Xa se votou o do Consello Fiscal, que si apoia a lei de Gallardón, pero mesmo vai máis aló: pide multas para aquelas mulleres que aborten fóra dos casos permitidos pola lei. Este informe aínda non está en mans de Xustiza, segundo fontes do ministerio.

O Consello Fiscal pide multas para aquelas mulleres que aborten fóra dos casos permitidos pola lei

No pleno do CGPJ votaranse tamén as alegacións presentadas por catro vogais. Dous deles, Mercè Pigem e Enrique Lucas, recomendan directamente ao Goberno que se reformule a conveniencia de aprobar unha nova norma nunha materia tan sensible, modificando un sistema como o vixente que presenta un alto grao de aceptación pola cidadanía, e que non arroxou un saldo negativo na súa aplicación".

Estes coinciden tamén coa apreciación de Fernando Grande-Marlaska, que apela á "inseguridade xurídica" que implicaría lexislar sobre unha cuestión sobre a que o Tribunal Constitucional está pendente de pronunciarse. De modo que o tres recomendan esperar a que o TC avalíe o recurso presentado polo PP á lei de prazos do PSOE para analizar o anteproxecto de Gallardón.

Por último, a vogal Nuria Díaz discrepa das conclusións do informe conservador e progresista, que coinciden en desvincular o suposto de malformacións do feto incompatibles coa vida da saúde psíquica da nai. Díaz remítese ao Comité de Bioética, que na súa análise das leis de 1985 e 2010 asegura que a despenalización deste suposto é "discriminatoria" e "atenta contra a Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade".

Polo menos 7 dos 12 membros do Comité de Bioética declaráronse abertamente antiabortistas

A do Comité de Bioética, no que polo menos 7 dos seus 12 membros declaráronse abertamente antiabortistas, será unha das opinións que se terán en conta para "axustar" o anteproxecto, de acordo con fontes do o Ministerio de Xustiza. Na listaxe de entidades ás que se enviou o borrador, facilitado polo propio ministerio, non está, por exemplo, a Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia, que criticou que non se lle consultou acerca da nova lei que lles afecta de cheo e ao que poden achegar "coñecementos científicos e experiencia ante esta realidade social".

O trámite no Congreso, en calquera caso, anticípase longo. Se o Goberno conseguise meter o proxecto nas cortes antes do receso estival, quedaría para setembro un período de alegacións de 15 días, para o que os grupos poden pedir até dúas ampliacións. "Poderían, apurando moito, tentar sacala en tres meses, pero estaría moi mal visto. Todos no Parlamento coinciden en que o tema merece un debate en profundidade, máis aló de que a maioría na cámara lles permita aprobar a lei", explica Gaspar Llamazares.

O trámite da lei de prazos de 2010 levou seis meses. Se se estiran moito os tempos, quizá o Goberno non chegue a aprobar unha das súas leis máis polémicas nas vacacións do Nadal. En calquera caso, o acelerador está posto.

Mato e Ruiz-Gallardón, nunha reunión do Consello de Ministros © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.