O PP semella non querer facer en solitario a viaxe do recorte ao Parlamento. Ou, cando menos, non completamente en solitario. Despois de que os conservadores desenterrasen a súa iniciativa en pleno escándalo derivado das fotografías de Alberto Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado, o grupo do PP no Parlamento procura compartir a operación co PSdeG. Mentres, en Madrid, os dous grandes partidos apelan en público á figura dos "grandes pactos" de Estado os populares galegos semellan queren reproducir ese clima no Pazo do Hórreo. Este é o pano de fondo co que o voceiro conservador, Pedro Puy, convocou o seu homólogo socialista, Abel Losada, a unha xuntanza o vindeiro xoves na que estará sobre a mesa o plan do PP para reformar a Lei de Eleccións, que inclúe o recorte.
Tras uns primeiros movementos en que o chamamento foi a un encontro con toda a oposición agora a aposta encamíñase, en maior medida, a que a reformulación sexa cousa de dous. Pero, cando menos a priori, o PSdeG non desexa saír na foto da redución do lexisaltivo. "O PP convocounos a unha reunión e imos escoitar, porque se nos convoca para escoitar unha proposta que ten varios puntos" vinculados ao desenvolvemento dos procesos electorais en Galicia. Pero, advirte Losada, "o PSdeG xa dixo que había un punto que era unha liña vermella; non imos falar da redución dos deputados" e "se o PP continúa por esa vía é unha responsabilidade súa".
"Non estamos negociando nada", subliña o PSdeG, que reitera "que non imos fala da redución de deputados"
"Non estamos negociando nada", reitera Losada, quen marca distancias advertindo de que neste proceso a súa formación defenderá a súa propia proposta. "O problema do Parlamento non é o número de deputados, é a utilidade do mesmo" e por iso na súa iniciativa conxugarase o verbo "abrir" e non o "reducir", ilustra. Ademais, advirte, "non entendemos a premura" dos populares para levar adiante unha reforma que, en calquera caso, non se aplicará ata a vindeira lexislatura. A rapidez non ten sentido "agás que o señor Feijóo teña pensado adiantar as eleccións".
AGE, convidada de última hora
Alternativa non fora convocada á xuntanza deste xoves
Polo momento o PSdeG foi o único que confirmou a súa presenza. Pola súa banda, "o grupo da AGE tomou o acordo de que se algún outro dos grupos decidía asistir nós tamén asistiríamos aínda que só fose para expoñer con toda claridade a nosa posición neste asunto", lembra Xosé Manuel Beiras. "Pero, que eu saiba, nós non recibimos ningunha convocatoria nin formal nin verbal", relataba esta mañá, nun contexto no que Beiras tampouco amosa demasiada extrañeza, toda vez que "aquí de serio non hai nada máis que o drama". En todo caso, o voceiro de Alternativa reitera a súa visión: o PP pretende reducir a Cámara para "ver se conserva a maioría absoluta que hoxe ten perdida". Polo momento, "xa llo dixen a Abel Losada; se vós acudides iso vai dar pé á maledicencia de que o PSOE está negociando co PP" mentres "o PP quere excluír os outros grupos".
Así as cousas, e mentres o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, xa lle comunicou por carta ao Grupo Popular que "non vai participar en ningún proceso de negociación no que o PP estableza condicións previas", a vicevoceira do grupo que sustenta o Goberno, Marta Rodríguez Arias aseguraba que non se cursou convite ningún a AGE porque "en ningún momento trasladaron que teñan intención de falar con nós", algo que non exclúe que, nun futuro indeterminado, "poida haber ou non outra reunión coa AGE". Así e todo, Rodríguez Arias asegura que a "única resposta" que teñen é que "Beiras publicamente chama ao boicot contra a reforma porque a cre despótica e ditatorial -o líder da AGE dixo que boicotearía a reforma se o PP mantiña a súa postura tras a xuntanza, no caso de seren convidados-". A última hora da tarde, o PP comunicou que tamén convidara a Alternativa.