O PP cae cara ás xerais por primeira vez dende o verán e a CUP podería entrar no Congreso

A dirección do PP, nun acto recente © PP

Restan apenas dous meses para as eleccións xerais e, tras a lexislatura do definitivo estourido dos casos Gürtel, Bárcenas ou Rato, dos presuntos sobresoldos e dos duros recortes sociais, o PP mantense en cabeza cara aos comicios. Faino, non obstante, podendo perder a maioría absoluta e deixando polo camiño máis de 15 puntos a respecto das xerais de 2011. Os de Mariano Rajoy afrontan, ademais, a recta final cara aos comicios perdendo expectativa de voto por primeira vez dende o verán, mentres que Ciudadanos colle folgos tras as eleccións catalás cara á entrada nun Congreso no que, de decidir presentarse, tamén podería sentar a CUP.

Esta é parte do retrato que traza a edición de outubro d'O Mirante, o panorama electoral que realiza o analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego, un promedio de todos os inquéritos publicados no que, desta volta, se inclúen as catro enquisas publicadas tras as eleccións catalás e mais unha estimación de gabinete. Ademais do primeiro retroceso do PP dende o verán e dunha lixeira caída dunha décima do PSOE, estable nos últimos meses, estes inquéritos amosan unha suba de Ciudadanos a custa de PP e PSOE, pero tamén de Podemos.

Tras chegar a ter expectativas de primeira forza, Podemos perdería apoio e ficaría nos mesmos niveis que tras as europeas de 2014

O crecemento demoscópico do partido de Albert Rivera responde tanto a un efecto contaxio dos bos resultados que acadou en Catalunya como ás correccións que cada casa demoscópica realiza despois de cada proecso electoral real. No entanto, este ascenso segue a ser menor que o prognosticado dende hai meses por varias enquisas -esencialmente, as do grupo PRISA-. Mentres, pola súa banda, Podemos experimenta un novo decrecemento, nesta ocasión de medio punto, e con algo máis do 15% está xa no nivel que obtivo xusto despois das eleccións europeas de 2014, perdendo a expectativa de voto que, no seu mellor momento, situou os de Pablo Iglesias como primeira forza cara ás xerais. 

Así as cousas, e obviamente á espera das alianzas que se poidan tecer para o 20-D, o PP estaría en cabeza cun 28,6% dos votos e uns 130 escanos, 55 menos que na actualidade. A segunda forza sería o PSOE, que se mantería tamén como segundo grupo do Congreso dos Deputados, con arredor de 100 escanos, uns 8 menos que os acadados en 2011. A estrea dos de Pablo Iglesias na Cámara Baixa sería con entre 54 e 57 escanos, e Ciudadanos chegaría con entre 28 e 31. Así as cousas, a suma de PP e Ciudadanos non sería dabondo para acadar a maioría absoluta -176 escanos- e a de PSOE e Podemos, tampouco.

A suma de PP e Ciudadanos non acadaría a maioría absoluta e a de PSOE e Podemos, tampouco

Alén das que serían as tres grandes forzas do novo Congreso sitúase unha cuarta que, con toda seguridade, non se presentará como tal: Izquierda Unida obtería en torno ao 4,77% dos votos e 6 escanos, 5 menos dos que ten na actualidade a Izquierda Plural. Trátase dunha suba modesta que cadra co retroceso de Podemos. A que ata agora era a outra principal forza de implantación estatal, UPyD, volve apuntar ao cero e ratifica que ficará fóra do Congreso.

Como en meses anteriores, as enquisas seguen outorgándolle os actuais 2 escanos ao BNG

Con todas as cautelas que cómpre ter para vaticinar a expectativa electoral de forzas que só se presentan en determinados territorios do Estado a partir de enquisas realizadas con proxección estatal -as mostras son escasas e as estimacións, pouco fiables-, os últimos estudos trazan un panorama no que a principal novidade neste eido sería a posible aparición da CUP que, se optase por concorrer aos comicios e facelo en solitario, podería chegar a obter un escano. No eido catalán, Convergència Democrática semella saír máis reforzada que ERC da experiencia de Junts pel Si e en Euskadi, PNV e EH-Bildu mantéñense estables.

No ámbito das forzas soberanistas Geroa Bai fortalecería as súas expectativas de obter representación nas cortes e en Galicia as enquisas seguen devolvendo os mesmos números que en meses anteriores, co BNG situado un chisco por baixo do 0,7% dos votos que se traducirían nos dous escanos cos que conta a actualidade.

Antonio Baños, da CUP CC-BY-SA CUP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.