O PP de Ourense contradí a Feijoo e xustifica a moción de censura en Vilamartín polo proxecto de fusión co Barco

Baltar conversa con Feijóo © Xoán Crespo

O pasado 13 de marzo Alberto Núñez Feijoo quixo apuntarse un tanto político anunciando a primeira fusión municipal en Galicia e enmarcándoa nun obxectivo de austeridade e racionalización. De paso, serviulle como cortina de fume para escurecer o resto dos temas tratados no que foi o derradeiro debate sobre o estado da autonomía da lexislatura. Ao día seguinte os alcaldes de Oza e Cesuras apagaban un chisco o ímpetu de Feijoo, dando a entender que o proceso aínda non pasaba de ser unha declaración de intencións, pero o presidente da Xunta fixo bandeira do proxecto de fusións municipais nos meses seguintes e tamén na campaña electoral.

De feito, o programa electoral dos populares amosa na súa páxina 335 a súa intención de "dar continuidade á liña xa iniciada de apoio ás fusións municipais, coa premisa inequívoca de que concorra a libre vontade dos concellos chamados a fusionarse". E afirmaba que "daremos un impulso definitivo a unha política de incentivos e indución positiva e estímulo, para respaldar todas as iniciativas municipais que aposten por esta vía". Pero a visión que tiña a cúpula do PP en Santiago era moi distinta á do PP de Ourense. E hoxe volveu quedar claro.

O PP xustifica a moción de censura no suposto proxecto do actual rexedor socialista para fusionar Vilamartín co Barco

Este mércores confirmouse a presentación nos vindeiros días dunha moción de censura no concello de Vilamartín de Valdeorras. Os catro concelleiros do PP e dous dos tres representantes dos independentes de Alternativa Popular Galega daranlle o goberno á popular María Jesusa Candal Jarrín, filla do que foi alcalde deste concello entre os últimos anos do franquismo e 2008. O PP xustifica a moción de censura no suposto proxecto do actual rexedor socialista para fusionar Vilamartín co Barco e así o explicou publicamente, primeiro a través de María Jesusa Candal e hoxe a través de Manuel Baltar. O presidente da Deputación afirmou que o actual alcalde "recoñeceu a súa incapacidade de xestión e planteou a posibilidade dunha fusión co Barco".

A respecto da moción de censura o BNG de Vilamartín opina que "esta moción é empregada dende o máis rancio Baltarismo, como unha cortina de fume para desviar e tapar as vergoñas da política clientelar que ven desenvolvendo a Deputación Provincial de Ourense". E conclúe que se trata "dunha moción de censura do poder polo poder".

En marzo asegurou que se houbese algún tipo de "movemento voluntario" entre os municipios ourensáns de cara a unirse estaría "absolutamente a favor"

Non é a primeira vez que Baltar deixa clara a súa postura -e a do seu partido en Ourense- sobre os proxectos de fusión que si defende Feijoo. O pasado 15 de marzo, ao día seguinte do anuncio de fusión de Oza e Cesuras, rexeitou "dende o respecto" as fusións e deixou claro que "a Deputación de Ourense é o maior fusionador de concellos, de facto, que existe en Galicia" e que estas non eran necesarias na súa provincia. Tamén asegurou que se houbese algún tipo de "movemento voluntario" entre os municipios ourensáns de cara a unirse estaría "absolutamente a favor". Porén, semella que neste caso o suposto "movemento" dos concellos de Vilamartín e O Barco non contou co seu beneplácito.

Curiosamente, case á mesma hora que Manuel Baltar xustificaba a moción de censura polo proxecto de fusionar o concello, no Parlamento o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, anunciaba "dez anos de discriminación positiva en todas as convocatorias de axudas da Comunidade Autónoma para aqueles concelleos que acorden a súa fusión". Pero Rueda non milita no PP de Ourense.

Baltar conversa con Feijóo © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.