O PP desliga a Xunta da crise da empresa láctea que financiou

Protesta de persoal de Alimentos Lácteos ante o Igape CC-BY-NC-SA CIG

A finais de 2009 un grupo de cinco cooperativas lideradas por militantes e dirixentes do PP en localidades como Monterroso, A Pastoriza, Castro de Rei ou Touro obtiñan financiamento público para facérense co control da factoría que o grupo Leche Pascual se dispuña a pechar no concello de Outeiro de Rei, lindeiro con Lugo. Con este apoio financeiro, cifrado pola oposicion en máis de seis millóns de euros, a Xunta desequilibraba unha carreira na que tamén competían máis de vinte cooperativas ligadas a Feiraco e propiciaba o nacemento de Alimentos Lácteos, a mesma empresa que apenas tres anos despois da súa posta en marcha está á beira do concurso de acredores. Con este pano de fondo, o PP tenta desvincular o Executivo de Alberto Núñez Feijóo da compañía láctea que contribuíu a crear.

Desta volta, o intento de desligar a Goberno e empresa chegou a raíz dunha moción promovida polo BNG no Parlamento, unha iniciativa "de mínimos" coa que a nacionalista Tereixa Paz instaba a Xunta a "convocar unha mesa conxunta das partes implicadas" na situación da empresa, "presentar un plan con documentación solvente no que se aclare a sitaución actual do grupo Alimentos Lácteos" e "trasladar o plan no que se sustenta a viabilidade futura da empresa", incluíndo "investimentos necesarios e compromisos para a súa realización", así como os compromisos en materia de persoal. Tratábase, sintetizaba Paz, de "garantir" que "os gandeiros aos que se lles deben cartos poidan cobrar dunha vez" e, ademais, de garantir a viabilidade da planta antes de que, "en quince días", entre definitivamente en situación concursal, porque daquela "pode ser demasiado tarde para manter os postos de traballo".

A oposición cifra nuns seis millóns de euros o apoio financeiro da Xunta a Alimentos Lácteos

As esixencias do Bloque non callaron no PP, representado no debate pola deputada Isabel García Pacín. Como en anteriores sesións os conservadores desvincúlase do nacemento da empresa e, polo tanto, da súa actual crise, toda vez que se trata dunha "iniciativa empresarial privada" que "naceu dunhas cooperativas". "A oposición -di- está unha vez máis ao lado de colectivos que teñen especiais circunstancias para atacar a xestión do Goberno" e para iso, acusa, distinguen "cooperativas malas malas e  boas, porque unhas son do PP e outras non". Onde a oposición lembra que partidos políticos e sector lácteo advertiron dende o inicio de que Alimentos Lácteos era "inviable" o PP ve "críticas destrutivas" que se realizan "a touro pasado". "Non se pode demandar do Goberno que presente un plan" de viabilidade, afirma. Non obstante, estará "aí, apoiando, tentando poñer as partes de acordo" e que "todo o mundo sexa xeneroso".

"O PP ten unha maneira curiosa de apoiar as persoas con problemas", ironiza Tereixa Paz, quen lamenta que o grupo que sustenta o goberno permita "que o tema siga a podrecer". "Apostaron calramente por este proxecto que era inviable non porque sexamos visionarios", subliña, nun contexto no que "todo o mundo que sabe algo de leite sabía dende 2010 que era inviable, a comezar polos traballadores". Así as cousas, o plantel de Alimentos Lácteos seguirá a agardar polo "proxecto rigoroso e viable" que, segundo o conselleiro de Industra, Francisco Conde, é preciso para que a factoría siga adiante. A Xunta, asegurou Conde hai dúas semanas no propio Parlamento, "non escatimará ningún esforzo". A iniciativa, non obstante, foi tombada polos votos do PP.

Protesta de persoal de Alimentos Lácteos ante o Igape CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.