O PP esgrime que en Ourense con Feijóo hai "máis emprego" tras perder 20.000 postos de traballo

Tellado e outros cargos do PP, este luns en Ourense CC-BY-SA PPdeG

A precipitación da carreira electoral galega polo adianto dun mes sobre o calendario inicialmente manexado provocou que as forzas políticas iniciasen xa o percorrido polo país para, aínda sen poderen pedir o voto legalmente, si mobilizaren as súas bases cara á cita coas urnas do 25 de setembro. O partido que leva máis adiantado ese traballo é o PP, que dende varias semanas antes da convocatoria dos comicios está a celebrar actos internos e públicos por todo o país, tanto con Alberto Núñez Feijóo como co seu número dous, Miguel Tellado, que este luns xunto a outros cargos participou nun "balance" da actuación da Xunta na provincia de Ourense para concluír que este territorio está "mellor con Feijóo" por entre outros motivos, ter "máis emprego" ca antes, se ben perdeu uns 20.000 postos de traballo dende 2009.

Co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e coa vicevoceira do partido na Cámara, Cristina Romero, Tellado debullou nun acto sen José Manuel Baltar o que considera "tomaduras de pelo" da oposición e, alén disto, detívose na "tendencia á alza do emprego destes momentos, en contraste coa tendencia á baixa que imperaba cando Feijóo accedeu ao Goberno". Para sustentar esta afirmación no conxunto do país Tellado apela a que "a taxa de paro" -non a de emprego- "é tres puntos inferior á existente no comezo da lexislatura e que hai case 50.000 afiliados máis á Seguridade Social.

Cando Feijóo chegou á Xunta a poboación ocupada en Ourense eran unhas 125.600 persoas e na actualidade roldan as 106.000

O argumentario xeral para Galicia trasládano tamén os populares ao caso concreto de Ourense que, din Tellado e Romero, está tamén "crecendo e con máis emprego". Cando os conservadores retornaron á Xunta a Enquisa de Poboación Activa (EPA) xa comezara a amosar a destrución de emprego produto da crise e rexistraba unhas 125.600 persoas ocupadas, con emprego, nesa provincia. Tras anos de descensos a comezos de 2013, despois da segunda vitoria de Feijóo nas urnas, a poboación ocupada en Ourense eran unhas 106.000 persoas, case as mesmas que as rexistradas na edición máis recente da EPA, a do segundo trimestre de 2016. O balance, daquela, son uns 20.000 postos de traballo menos. 

A EPA non rexistra, deste xeito, que Ourense teña "máis emprego" que antes de que comezase a exercer o actual Goberno galego e tampouco o fai a fonte estatística directamente aludida polos conservadores no seu balance ourensán, as afiliacións á Seguridade Social. Este indicador mensual rexistraba cando Feijóo accedeu á Presidencia unha afiliación media de arredor de 77.000 traballadores e traballadoras na provincia de Ourense. Tras achegarse ás 80.000 naquel 2012, comezou un descenso notable, ata a contorna das 71.000 entre 2013 e 2014. A continuación produciuse unha certa recuperación ata regresar, este verán e o pasado, ata unha media dunhas 75.000 persoas afiliadas ao mes. Un valor inferior, polo tanto, ao de 2009.

Malia a estes datos os populares aseguran que a "área de Ourense" ten agora mellores resultados laborais grazas a, di Romero, "o impacto positivo para a actividade económica" de "medidas como o Plan Termal, executado xa no seu 40%" pola Xunta e a Deputación, así como "a creación do Campus da Auga, cun investimento de 4 millóns de euros", ou "melloras nos atractivos turísticos" da capital da provincia. Estes son, di Tellado "feitos" que "diferencian o PPdeG daqueles que só teñen palabras".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.