O PP evita as comparecencias políticas na comisión da corrupción

Deputados e deputadas nunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia

Unha comisión para previr a corrupción política sen comparecencias de políticos. É o modelo que o Grupo Popular no Parlamento vai impulsar para a comisión de estudo creada a iniciativa do PSdeG e que está a dar os seus primeiros pasos. O grupo conservador vén de presentar a súa proposta de plan de traballo na que solicita a comparecencia de catorce persoas do ámbito xudicial e do control das contas públicas, pero non de ningún dirixente político en activo.

No documento que o PP vén de rexistrar na Cámara a única persoa que representará o Goberno galego é a interventora xeral da comunidade autónoma, Almudena Chacón. O grupo que sustenta o goberno inclúea no grupo dedicado aos "órganos de control externo" e no que tamén inclúe o conselleiro maior do Consello de Contas, Luciano Fariña, o vogal do Poder Xudicial Manuel Almenar, o interventor da Deputación da Coruña, José Manuel Pardellas, ou a secretaria do Concello de Vigo, Concepción Campos.

A oposición reclama que compareza Feijóo, presidentes de deputación e alcaldes

O fiscal xeral de Galicia, Carlos Varela, o catedrático de Dereito Constitucional Roberto Blanco Valdés ou o síndico maior de contas da Comunitat Valenciana, Rafael de Vicente, son outras das persoas chamadas polos populares a unha comisión na que a oposición quere comparecencias de primeiro nivel político e gobernamental, a comezar polo propio presidente da Xunta, incluído nos plans de traballo que propoñen PSdeG, AGE e BNG. No caso de Alternativa, que vén de facer público o seu roteiro para este órgano parlamentario, tamén chaman a comparecer ao vicepresidente Alfonso Rueda e ao ex secretario de organización do PPdeG, Pablo Crespo, considerado un dos cerebros da trama Gürtel

Os catro presidentes das deputacións provinciais, representantes de empresas como Audasa, Reganosa ou Monbús ou a activista e sindicalista Laura Bugalho son outras das persoas chamadas por Alternativa, que propón unha trintena de comparecencias. O terceiro grupo que xa fixo públicas as súas propostas, o BNG, eleva ata 61 o número de comparecencias solicitadas. Ademais de Feijóo o Bloque pide que acuda á Cámara a presidenta do Consello Consultivo, Teresa Conde Pumpido, profesores universitarios como Alba Nogueira, José Ángel Brandariz ou Carlos Amoedo, alcaldes e ex alcaldes como Gerardo Conde Roa ou Xosé López Orozco, xornalistas de diversos medios de comunicación e afectados polos desafiuzamentos ou as preferentes.

 

Deputados e deputadas nunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.