O PP gañou as eleccións en Ourense. Con máis do 97% escrutado, a candidatura liderada polo ex conselleiro Xesús Vázquez obtivo 10 concelleiros. Perderon os populares un represenante e unha importante porcentaxe de voto. Pero a gran sorpresa foi Democracia Ourensana. A polémica formación liderada por Gonzalo Jácome incrementou en seis edís a súa representación e pasou aos 8 concelleiros, converténdose así nunha das grandes sorpresas da noite electoral en Galicia.
O PP gaña malia perder apoios e un concelleiro; Democracia Ourensana dá a gran sorpresa con 8 concelleiros
Conseguiu máis do 25% dos votos a formación que lidera un candidato que volveu saltar ás portadas na última semana logo de insultar -chamando "prostituta"- a candidata do BNG na cidade. No outro lado, a esquerda. O PSdeG sofre un durísimo golpe ao pasar dos 11 concelleiros que obtivo en 2011 aos 6 de agora. A formación que obtivera hai catro anos o maior aumento en edís de todo o socialismo no Estado sofre agora unha importante derrota. Outra debacle sufriu tamén o BNG na cidade, Perde os tres concelleiros que tiña e queda sen representación.
O PSdeG cae ata os 6 concelleiros e o BNG desaparece da corporación municipal ante a entrada de Ourense en Común (3)
Pola súa banda, Ourense en Común, a plataforma cidadá da cidade das Burgas, entrou con forza na corporación con máis do 10% dos sufraxios e tres concelleiros. Sexa como for, Xesús Vázquez será con toda seguridade investido alcalde, pero precisará seducir a Democracia Ourensana se non quere ter problemas. Será unha difícil solución para un futuro alcalde que asegurou que chega para arranxar "unha cidade que foi ingobernable".