O PP inclúe a Louzán nas listas do 20-D malia estar investigado en dúas causas xudiciais

Rajoy, con Negreira, Feijóo e Louzán en Vilanova de Arousa © PP

Rafael Louzán non comezou o seu ascenso no escalafón do PP tras anos nas Novas Xeracións ou como militante de base. Tampouco foi unha fichaxe estrela como os que nas últimas semanas adornan as listas dos partidos antes do 20-D. O inicio da carreira política do aínda presidente dos conservadores na provincia de Pontevedra comezou, na súa mocidade, como bedel do Concello da súa vila, Ribadumia, onde era considerado o protexido do alcalde, José Ramón Nené Barral, que en 2001 chegou a ser detido por presunto contrabando e sobre quen pairaron diversos procesos xudiciais -neste mesmo ano, a Fiscalía acusouno dun suposto delito de branqueo-. Tras as pasadas eleccións municipais Louzán tivo que abandonar a presidencia da Deputación de Pontevedra, que ostentaba desde 2003, aínda que se mantivo nunha retagarda que agora o sitúa nas listas do PP ao Senado malia aos seus, cando menos, dous asuntos pendentes nos tribunais.

O que foi durante máis dunha década todopoderoso barón popular na provincia e na Deputación que gobernou Mariano Rajoy figura como primeiro suplente da número 1 do PP pontevedrés ao Senado, Marta Lucio. Louzán compaxina esta candidatura coa presidencia da Federación Galega de Fútbol,  á que accedeu en decembro de 2014 tras unha campaña na que foi acusado de utilizar medios da Deputación para lograr que a súa candidatura triunfase fronte á do presidente que optaba á reelección, o alcalde de Cerceda, do PSdeG.

Sendo xa presidente do fútbol galego e aínda da Deputación, Louzán tivo que sentar ante un xuíz de Cambados o pasado marzo para, en calidade de imputado, responder dun presunto delito de suborno continuado tras unha denuncia anónima. Segundo a Fiscalía de Delitos Económicos no ano 2008 un concelleiro e deputado provincial do PP, Severino Reguera, alugou tres baixos comerciais propiedade de Louzán no barrio vigués de Navia por un prezo moi superior ao do mercado. Un informe da Garda Civil calcula que daquela o importe medio dos alugueres na zona estaba en 7 euros o metro cadrado e Louzán recibiría 15, o que leva aos investigadores a sospeitar da orixe duns 50.000 euros.

O barón popular sempre defendeu que a investigación polos alugueres é un "asunto privado" no que actuou ben

O dirixente popular, que o pasado marzo se acolleu ao seu dereito a non declarar, sempre defendeu que este é un "asunto privado" no que, no entanto, o seu "proceder" sempre foi "bo". Nunca, afirmou naquela altura Louzán, tomou decisións na Deputación para "favorecer" ao arrendatario dos seus locais e nunca, como sospeita o Fiscal, recibiu sobrecustos como pago de favores. Segundo o Ministerio Público, "as dilixencias de investigación permiten soster que os feitos investigado podrián dar lugar (...) a un delito continuado de suborno" por parte do expresidente e da súa dona.

Operación Patos

A segunda imputación xudicial que Louzán ten pendente chegou pouco despois da súa saída da presidencia da Deputación, o pasado setembro. A investigación da coñecida como Operación Patos atribúelle a recepción de agasallos por parte dos presuntos xefes da trama e, sobre todo, o presunto amaño de contratos en obras da Deputación, entre elas, en tres dos seus cuestionadísimos campos de fútbol de herba artificial, infraestruturas deportivas que impulsou con profusión desde a institución provincial, chegando a financiar uns 70 antes de dar o salto, precisamente, á Federación de Fútbol.

Louzán entraría no Senado se renuncia a titular da lista, unha extraballadora da Deputación de Pontevedra

Alén destas imputacións, durante os últimos anos a acción dos tribunais ou as dúbidas da oposición rozaron a Louzán por outros asuntos como o sobrecusto nas obras do estadio pontevedrés de Pasarón, caso arquivado no referido á Deputación. No entanto, por esas obras foi condenado un empresario a pasada primavera ao considerarse constatada a existencia de facturación falsa en parte dos traballos realizados no complexo deportivo. Tamén existen receos, por exemplo, sobre a xestión do programa de Pousadas do Salnés, que agora tamén investiga o novo Goberno da Deputación.

Este é o pano de fondo co que o nome de Rafael Louzán volve aparecer nunha candidatura electoral. Faino mentres formalmente é asesor do Grupo Provincial do PP na Deputación, nomeamento que lle permitiu non ter que reincorporarse á súa praza de conserxe en Ribadumia. Louzán só accedería á Cámara alta en caso de renuncia da titular do posto, directora dun museo e traballadora durante anos na Deputación pontevedresa. Se así fose, o expresidente converteríase en senador e, por tanto, en aforado, o que provocaría que fose o Tribunal Supremo o que se ocupase das súas causas pendentes se estas seguisen abertas.

Louzán, con Feijóo nunha imaxe de arquivo Dominio Público Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.