O PP resístese a revelar os seus criterios de admisión de cidadanía no Parlamento

Prado, na súa estrea como voceira do PP © PPdeG

"Vai ser a presidenta a que decida" pero non o fará de maneira "arbitraria". É toda a explicación que este mércores a pensa conseguiu obter de Paula Prado, nova voceira do PP galego, a respecto dos criterios que a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, vai aplicar para decidir se permite ou non o acceso da cidadanía á tribuna de convidados nos plenos. Despois de que a primeira sesión coa prohibición en vigor se saldase con momentos de forte tensión e un plante da oposición a xeito de protesta, a número tres dos conservadores bota man do seu discurso máis duro para, lonxe de procurar temperar os ánimos, descargar en PSdeG, AGE e BNG a responsabilidade de todo o sucedido e de todo o que poida suceder no Pazo do Hórreo.

Se a Cámara galega "volveu colarse nos informativos nacionais" non foi, a xuízo de Prado, polo veto da presidenta, senón "pola sobreactuación da oposición" e a súa "complicidade" con quen procura "boicotear" as sesións, neste caso en referencia aos traballadores de Navantia e da Universidade de Santiago. A popular expón este razoamento porque, tamén dende a súa perspectiva, "a orixe" do conflito "non está na decisión de Pilar Rojo", tampouco "nas numerosas protestas ilegais" de cidadáns e cidadás na tribuna parlamentaria. A prohibición de que os grupos políticos realicen convites "chega tras un pleno no que un convidado do PSdeG ameazaba de morte ao presidente da Xunta" mentres "deputados de AGE aplaudían", sintetiza, en referencia ás protestas de afectados polas preferentes sucedidas o pasado decembro.

Prado esixe que a oposición devolva o salario do día de protesta e matiza que os deputados do PP que non asistiron tiveron "razóns de peso"

"Facilitar que se cometan delitos", "convidar persoas con antecedentes por agresión" ou "facer oposición de xeito antidemocrático" son outras das sentenzas que Prado lles dedica aos membros dos grupos diferentes do PP os cales, lamenta, non saben ver que "a medida" da presidenta "pretende rebaixar a tensión", todo o contrario "que os que crispan falando de mocións de censura", di, en referencia a Xosé Manuel Beiras. "Deberían pensar que tempestades poden recoller dos ventos que sementan", ilustra, nun contexto no que ademais di "supoñer" que os parlamentarios e parlamentarias da oposición "pedirán que non se lles abone o salario correspondente ao día de onte" por non asistir ao pleno.

Esa devolución salarial deberían efectuala tamén os integrantes do Grupo Popular que non acudiron á sesión de tarde do mesmo pleno?, preguntóuselle a Prado. "Se algún deputado do PP non asistiu non foi porque non quixese", asegura. Ben ao contrario, Prado amósase convencidade que os seus compañeiros de filas só se ausentan cando hai "unha razón de peso" para facelo. Así as cousas, todo semella indicar que os conservadores manterán a dureza na limitación ás visitas, porque, evidencia a voceira do partido, é "distinto" quen acode a un pleno, por, por exemplo, "motivos académicos", que quen o fai para "rebentalo". Mentres, dende a oposición, neste caso dende o PSdeG, o seu secretario de organización, Pablo García, instaba os populares a reflexionar para acordar "fórmulas" que garantan a orde sen "illar" a institución parlamentaria. O enfrontamento continúa, cando menos de momento.

Prado, na súa estrea como voceira do PP © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.