O PP tenta que a oposición asuma o decreto plurilingüe en plena semana das Letras

Pleno no Parlamento © Parlamento de Galicia

"Hai quen entende o consenso como unha rendición incondicional, como a posibilidade de imposición da propia postura; se quixésemos impoñer non viríamos ofrecer consenso". O voceiro do PP en materia de lingua, Agustín Baamonde, censura deste xeito a actitude da oposición parlamentaria a respecto da política lingüística da Xunta. Segundo o noutrora considerado como un dos membros do sector galeguista da formación conservadora, PSdeG, AGE e BNG resístense a "camiñar cara ao consenso" e "avanzar nun proceso de diálogo cara a posturas integradoras" que saque a lingua da confrontación política. Non obstante, para todo isto o partido que sustenta o Goberno pon unha condición: que a oposición asuma os preceptos do denominado decreto do plurilingüismo.

Esa aceptación do decreto era o primeiro punto dunha proposición non de lei achegada polos populares ao pleno do Parlamento que, a escasas corenta e oito horas do Día das Letras Galegas, tiña como intención, segundo Baamonde, "avanzar cara a unha política lingüística equilibrada, que permita o desenvolvemento do galego, a súa convivencia pacífica co castelán e o plurilingüismo". Segundo o deputado popular isto non é máis que aplicar os puntos "xa enunciados polo presidente", a saber: recoñecemento do galego como idioma propio de Galicia, cooficialidade de galego e castelań", "medidas positivas en favor do galego" e "liberdade de uso". Isto é, cumprir o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización.

O PP ofrece un plan de "consenso" cuxo primeiro punto é a aceptación do decreto do plurilingüismo

Partindo da base de que "a derrogación do decreto" é unha "teima" do resto de grupos, Baamonde deixou sobre a tribuna da Cámara un ofrecemento que, como era de agardar, a oposición non aceptou. Dende o BNG Ana Pontón iniciou a súa réplica "sne saber moi ben" se a iniciativa do PP "vai en serio ou nos toma por parvos" ao "reiventar a historia deste país" e "darlle a volta". "Encántame que pida que o galego teña unha convivencia pacífica co español", ironiza a nacionalista, en cuxa opinión "terémoslle que pedir ao PP que teña unha convivencia pacífica co galego". "Impuxeron un decreto" e agora "instan os grups parlamentares" ao consenso, lamenta Pontón. "Se cren que teñen que dialogar é tan fácil como que o conselleiro [Jesús Vázquez] dialogue", conclúe.

PSdeG, AGE e BNG esixen a derrogación do decreto como punto de partida para o diálogo

Tamén o voceiro do PSdeG, Francisco Caamaño, laemnta que o ofrecemento gobernamental se basee "nunha historia completamente falsada" e nun decreto que "contou coa oposición do Consello Escolar, do Consello da Cultura Galega, do Consello Consultivo, de todos os sectores sociais, da cidadanía e dos órganos que se tiñan que pronunciar". Nin sequera "lle gustou" ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, subliña o socialista, para quen os conservadores queren "construír", ás portas do 17 de maio, "un relato" segundo o cal "o PP e a Xunta queren un consenso e os malvados da oposición non o queren". "Non é certo" igual que non o é a "pretendida farsa de liberdade" que sustenta a política lingüística da Xunta, di.

Igual que fixeron PSdeG e BNG pola vía das emendas, AGE fixou posición verbalmente instando a abordar calquera consenso sobre a base da "derrogación do actual decreto". Cómpre, di David Fernández, "abrirlle as portas a un novo decreto, partindo dende cero" para que a "sociedade galega se poida ver representada" nel. "A maioría da cidadanía galega está de acordo con que os nenos e nenas, cando rematan o ensino obrigatorio, dominen perfectamente ambas linguas" e isto "por desgraza, non se produce co actual sistema".

Dito todo isto, Baamonde accedeu de novo á tribuna para evidenciar que a vida seguirá igual alén deste novo Día das Letras. O Goberno seguirá adiante co seu decreto e lamenta que a oposición non sexa quen "de ler entre liñas", especialmente o BNG, en cuxa opinión "vive de costas á realidade" e "dicíndolle á xente o qeu ten que facer". Un ano máis, o consenso lingüístico fica lonxe.

Baamonde defende a súa proposta, no pleno CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.