O PP volve solicitar a investigación das caixas tras rexeitala antes das eleccións

Primeiro equipo directivo de Novagalicia, aínda con Varela e Gayoso © NGB

Volta a empezar. A proposta para poñer en marcha unha comisión de investigación sobre as antigas caixas de aforros galegas votouse en numerosas ocasións no Parlamento por múltiples vías, dende a solicitude formal de comisión ata mocións ou proposicións non de lei, tanto en pleno en comisión. Aludindo motivos diversos, como a necesidade de non perturbar o proceso de capitalización de Novagalicia Banco, o PP votou sistematicamente en contra de todas estas solicitudes -apoiadas daquela por PSdeG e BNG-. Así foi ata xullo, cando o PP dixo estar diposto a dar os pasos necesarios para activar a investigación. Pero Alberto Núñez Feijóo decidiu adiantar as eleccións e o proceso ficou paralizado. Agora os populares volven iniciar o proceso.

O voceiro do PP na Cámara, Pedro Puy, anunciou este luns que, mesmo antes da constitución formal dos grupos parlamentarios -o trámite ten que pasar aínda pola Mesa-, os 41 deputados conservadores rexistraron formalmente a petición para activar a investigación. Así as cousas, se o PP mantén a mesma disposición estes traballos poderían ser dos primeiros en botar a andar na nova lexislatura, na que por fin se indagará, atendendo ao afirmado por Puy, na "evolución económico-financeira" de Caixanova e Caixa Galicia, na súa fusión e tamén no "pagamento de indemnizacións millonarias" aos antigos directivos, as mesmas polas que Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego ou Javier García de Paredes están a ser investigados pola Audiencia Nacional, a instancias da Fiscalía Anticorrupción.

O PP vetou o inicio da investigación e cando a aceptou ficou atrasada pola convocatoria electoral

Neste contexto resta saber ata que punto estarán dispostos a chegar os populares na investigación. A priori, Puy afirma que o seu grupo ten disposición para aceptar que se achegue ao Pazo do Hórreo "toda a documentación" e "todas as comparecencias" que resulten "útiles para esclarecer a evolución do sistema financeiro galego". "A única cautela" que porán por diante é que todo o que se solicite "sexa legal", isto é, que non haxa "ningunha norma que impida que algunha documentación poida ser tratada" no Parlamento.

O PSdeG ve "cínica" a actitude do PP

A primeira reacción dende as filas da oposición chegou dende o PSdeG, cuxo voceiro, Abel Losada, ve "cinismo político" tras a solicitude do PP, xa que, lembra, a formación que sustenta o Gboerno "paralizou as peticións" de activar a comisión "durante nove meses", para así "impedila ata despois das eleccións" por "mero interese electoral". Esta, reprocha, é "unha lamentable política de xestos cara á galería" coa que o PP tenta "tender unha cortina de fume para agochar que Feijóo non foi quen de afrontar unha fusión fallida cun enorme custe social e económico para Galicia.

Nesta liña, Losada "desafía" os populares a que "demostren, se poden, o seu suposto interese nesta investigación esixíndolle" a Alberto Núñez Feijóo que dea aconta na Cámara do seu aval ao proceso de fusión fracasada e asuma responsabilidades políticas". Do mesmo xeito, di, ao Parlamento debería chegar "a auditoría elaborada por KPMG", na que a Xunta apoiou o seu aval á fusión porque "aseguraba a viabilidade do proceso cun investimento de 1.000 millóns". Pero a fusión "xa nos custou 9.000 millóns de diñeiro público".

Primeiro equipo directivo de Novagalicia, aínda con Varela e Gayoso © NGB
Puy, en rolda de prensa © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.