Foi un recorte aplicado practicamente con nocturnidade e aleivosía. "Deixaron na estacada a moita xente que unha mañá foi coller o tren e, sen previo aviso, o servizo estaba suprimido". O recorte de 36 frecuencias ferroviarias en Galicia incluído no plan de "racionalización" do Ministerio de Fomento chegou este martes ao Parlamento da man de senllas mocións de PSdeG e BNG que, en esencia, reclamaban que a Xunta instase o Estado a reverter a tesoirada incluíndo ademais, no caso do Bloque, unha proposta de "reprobación" do conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, "por non defender axeitadamente os intereses de Galiza" neste proceso. Ambas mocións bateron contra a maioría absoluta do PP, para quen o recorte é "lóxico" e "razoable".
A través do seu deputado Román Rodríguez os conservadores expuxeron todo un catálogo de argumentos a prol do proxecto da ministra Ana Pastor. Entre as habituais mencións ao Goberno Zapatero, Rodríguez non nega que as medidas "poden ser dolorosas", pero "teñen toda a lóxica", tanto pola "situación orzamentaria das administracións públicas" como, asegura, "pola demanda social e uso real dos servizos". "Non é só unha cuestión económica", asegura o conservador, quen deu en asegurar que o tren "contamina máis" que o transporte por estrada e, ademais, "egoistamente, nos interesa como galegos que as pequenas empresas" de autobuses "do rural poidan incrementar os seus pasaxeiros cos clientes que non vai ao transporte ferroviario". "Non ten moito sentido" que Fomento financie o ferrocarril no rural, porque "estamos prexudicando pequenas empresas de transporte", sentenza.
O PP argumenta que "egoistamente", o recorte "nos interesa como galegos" porque as empresas de autobuses "poden incrementar viaxeiros"
Dende o convencemento de que "se o PSOE estivese gobernando" estaría "aplicando un proceso moi semellante, porque é o lóxico", Rodríguez marcou unha posición lamentada tanto polo socialista Raúl Fernández como pola nacionalista Ana Pontón. "Baixo o disfrace da racionalización agochan a morte prematura do tren convencional", lamenta Fernández, quen ve por tras da tesoirada unha aposta por que "sexa imposible vivir no rural". "Xa sabemos cal é o interese, ir desmantelando o ferrocarril para darlles o negocio a empresas amigas do PP", conclúe Pontón, en cuxa opinión aos conservadores "non lles doe o país" e por iso amparan a redución de liñas, mesmo con "aberracións" como "atreverse a dicir que o tren é máis contaminante", un "desprezo" que amosa, ao seu xuízo, o valor que o PP lle dá ao Parlamento.
"Os países máis desenvolvidos apostaron por modernizar o seu ferrocarril"
"A modernización do ferrocarril non é un capricho -advirte Pónto, é algo básico, paséense por Europa e verán como os países máis desenvolvidos apostaron por modernizar o seu ferrocarril interior". Pero, reprocha, "o PP estanos roubando o futuro" cun "atraco" e unha "desfachatez" que amosa, ademais, "que a centralización de competencias non garante a igualdade". Dende o convencemento de que este recorte é só o primeiro Pontón augura que "imos ser o territorio con máis dispersión de poboación e menos servizos de proximidade" e, mentres, continurá o "esperpento de que nos saia máis barato" o traxecto "A Coruña-Madrid que A Coruña-Ourense", "todo un síntoma de que estamos ante un problema político". Finalmente, as mocións de PSdeG e BNG, que tamén tiveron o apoio da AGE, ficaron tombadas polos 41 votos populares, incluído o do conselleiro de Infraestruturas, tamén deputado.