O PPdeG, entusiasmado con que Rajoy ilegalice as "coalicións populistas" nos concellos

Referencias á reforma electoral local no programa do PSOE en 2004 e no do PP en 2011 CC-BY-SA Praza Pública

"Impulsaremos o establecemento de maiorías parlamentarias cualificadas para a aprobación e modificación dos Estatutos de Autonomía e das normas básicas de funcionamento das institucións do Estado". É a promesa que o PP incluíu no punto 8 da páxina 174 do programa electoral co que gañou as eleccións xerais de 2011. Xusto despois, no apartado 9 e tamén dentro do epígrafe Unha democracia exemplar, prometían "promover a reforma do sistema electoral municipal para respectar a vontade maioritaria da veciñanza garantindo, ao mesmo tempo, a estabilidade dos concellos". Este mércores os conservadores filtrábanlle a El País e El Mundo a súa intención de concretar o devandito punto 9 pasando por riba do 8, isto é, de reformar a lei para ilegalizar os gobernos municipais de coalición aínda que ningún partido máis os apoie. O PP galego saudou con entusiasmo a aposta de Mariano Rajoy.

Con Alberto Núñez Feijóo de vacacións foi o vicevoceiro dos populares no Parlamento, Román Rodríguez, o encargado de aplaudirlles aos seus xefes de filas. A través dun comunicado remitido á prensa o parlamentario lalinense baseou a súa adhesión á reforma das regras do xogo electoral a poucos meses da cita coas urnas apelando ao que "nos din tanto a cultura política española como a galega", a saber, que "as coalicións populistas resultantes da agregación de partidos que perden as eleccións crean grandes problemas na xestión municipal do día a día". "Desta experiencia -mantén- parte a proposta electoral do PP, avalada nas urnas por once millóns de votos nas pasadas eleccións xerais".

Na mesma páxina do programa electoral o PP prometeu "maiorías parlamentarias cualificadas" para mudar "as normas básicas do Estado"

Obviando a inconcreción daquel punto 9 do programa Rodríguez explica que a que veu sendo unha teima recorrente de Feijóo non ten máis obxectivo que a "defensa dos cidadáns" e que "a xestión diaria dos consistorios vaia orientada a dar resposta aos seus problemas". Trátase, afirma, de "reflectir a vontade popular nos gobernos municipais" e de "garantir a gobernabilidade", pasando por riba de que, polo que transcendeu ata o momento, a idea de Rajoy é que un alcalde se faga coa maioría absoluta aínda que conte con apenas o 40% dos votos.

Propúxoo o PSOE en 2004?

O argumentario estival dos populares para defender esta reforma figura tamén considerar unha "gran insolvencia" que o PSOE rexeite a medida, toda vez que "eles mesmos o propuxeron no seu programa electoral de 2004 sen ser capaces de levalo a cabo". Se ben é certo que os socialistas propuxeron daquela unha reforma electoral non o é menos que non pasaba polo mesmo vieiro que a de Rajoy. Así, a promesa electoral de Zapatero pasaba por unha "elección directa dos alcaldes, en votación diferente pero simultánea á dos concelleiros, nun sistema de dupla volta que reforce a gobernabilidade dos concellos". A reforma, aseguraban, realizaríase co "máximo consenso" e incluiría outros plans como o "desbloqueo das listas electorais, recoñecendo ao electoral a facultade de expresar unha ou varias preferencias entre os candidatos da lista elixida". Estas medidas, de calquera xeito, nunca chegaron a aprobarse.

Caballero asegura que o PSOE non negociará esta reforma "nin agora nin nunca"

Dende o PSOE, precisamente, chegaba este mércores un novo rexeitamento á reforma de Rajoy por boca do seu secretario xeral, Pedro Sánchez, e tamén a través do alcalde de Vigo, Abel Caballero, na súa condición de vicepresidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en representación dos socialistas. O seu partido, asegura Caballero, non negociará "nin agora nin nunca" co PP este "intento antidemocrático regresivo". Tras o seu "pésimo resultado" nas europeas, di o vigués, o PP "pretende mudar as regras do xogo para seguir mantendo alcaldías que os votos lles van negar". "Como se pode entender que un 40% sexa maioría absoluta?", pregúntase.

Rexeitamento de AGE e BNG

O resto do arco parlamentario galego reitera igualmente a súa oposición ao que observan como un "pucheirazo" de Rajoy. "Un poder político en descomposición pola corrupción e a desafección cidadá ameaza con perpetrar outro golpe democrático", di a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, que ve "risible" que o PP enmarque a súa proposta nun "espírito de rexeneración democrática". A modificación, afirma Díaz, só está xustificada "no temor dos populares a que se cumpran os resultados de todas as enquisas, que os deixan fóra das alcaldías". Neste contexto, Alternativa xa rexistrou varias iniciativas ao respecto no Parlamento galego co obxectivo de instar o Goberno central a "non alterar a lexislación electoral sen o máis amplo acordo das forzas políticas sociais do país e do conxunto do Estado".

AGE, BNG e CxG ven na medida unha intención autoritaria do PP

Tamén en días pasados o BNG se opuxo á reforma, que o seu portavoz nacional, Xavier Vence, identifica coa "negación do pluripartidismo coa intención de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políicas que poden pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade". "A lista máis votada -evidencia Vence- pode ser minoría nunha Cámara cunha pluralidade de partidos e entón, con que apoios vai gobernar un alcalde que estea en minoría?", pregúntase. Asemade, Compromiso por Galicia, nunha nota remitida á prensa, considera a operación un "golpe autoritario" e anima a rexeitala "nas institucións e na rúa".

Feijóo saúda a Rajoy no Club Náutico de Sanxenxo, a pasada semana © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.