O PSdeG evita pechar a súa crise á espera dun líder que se postule

Ricardo Varela e José Blanco, no Comité Nacional © PSdeG

Case saíron como entraron. O Comité Nacional do PSdeG celebrado este sábado rematou sen unha vía clara de saída á súa crise. Houbo numerosas peticións de "asunción de responsabilidade" a Pachi Vázquez, pero se cadra menos e menos claras do que se agardaban. Tan só un grupo minoritario, dos próximos a Touriño, foi máis aló ao esixir que se constituíse  unha xestora que se faga cargo do partido ata o congreso do vindeiro ano e logo das case 100 intervencións centradas nas chamadas á reflexion e á reconexión coa sociedade.

Si houbo, no entanto, peticións xerais para que se acelere a renovación da actual dirección. Moitas das intervencións que este sábado se deron no Congreso Nacional insistiron en solicitar que os dirixentes fosen renovados durante o primeiro trimestre de 2013. E tamén houbo numerosas chamadas ao cambio na elección do próximo secretario xeral, xa que son numerosas as voces que piden que se faga nun congreso aberto a todos os afiliados, o que suporía rachar así co tradicional método de elección a través de delegados. No entanto, ninguén se postulou claramente á secretaría xeral, polo que a crise segue á espera de ser finiquitada.

Tan só un grupo minoritario, dos afíns a Touriño, pediu con claridade unha xestora que lidere o partido ata o vindeiro congreso

Tamén houbo voces que fixeron fincapé na importancia de que este congreso fose "ordinario" en lugar de "extraordinario", xa que este último tipo unicamente permite "un cambio de caras" e non reformas no ideario. E é que, para numerosos membros do partido, "o máis importante" nesta cita é que "o debate político" acompañe á substitución na cúpula do PSdeG.

Se algo deixou claro o Comité Nacional foi a división interna no socialismo galego

Pero se algo foi evidente no Comité Nacional dos socialistas foi a división do partido. Volvéronse verter acusacións contra Pachi Vázquez pola composición das listas electorais e houbo quen o acusou tamén de xestionar a formación política de maneira feudal. Chegou a haber apupos dalgún militante e incluso o ex ministro José Blanco insistiu en "renovar o partido" e "abrir un novo ciclo", unhas palabras que para moitos foron xa as dun aspirante á secretaría xeral.

No entanto, importantes dirixentes censuraron a actitude de José Blanco, ao que chegaron a recordar o escaso apoio que ten xa no PSdeG. A fractura fíxose evidente con outras intervencións, deixando tamén claras as diferenzas territoriais na formación socialista. Houbo dirixentes e alcaldes dalgunha zona que non dubidaron en amosar o seu apoio a Vázquez, mentres que cargos orgánicos e institucionais, principalmente das provincias da Coruña e Pontevedra, protagonizaron duras críticas. Nin Abel Caballero, que non falou e preferiu ser neutral, nin Gómez Besteiro, que semella un dos posibles aspirantes á secretaría xeral, se manifestaron.

Interveu José Blanco, que pediu "abrir un novo ciclo", pero non Gómez Besteiro, que semella claro aspirante ao liderado

Ademais, e malia que Pachi Vázquez avanzou o seu adeus ao aclarar que non será "un atranco" na renovación, hai quen aínda dubida que a súa marcha sexa definitiva. Se ninguén se decide a dar o paso, o actual secretario xeral podería intentar aguantar á fronte do PSdeG.

Pachi Vázquez, durante o seu discurso no Comité Nacional © PSdeG
Asitentes ao Comité Nacional do PSdeG © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.