O PSdeG leva ao seu congreso a "neutralidade relixiosa" dos actos públicos

Vázquez, cos autores do relatorio marco do Congreso CC-BY-NC-SA PSdeG

En plena resaca do congreso federal do PSOE os socialistas galegos ultiman xa os detalles de cara á súa propia cita congresual. Se ben boa parte da atención do duodécimo cónclave nacional do PSdeG estará na definición do cartel electoral para os comicios ao Parlamento de Galicia -polo momento o único candidato é o actual secretario xeral, Pachi Vázquez, aínda que as voces internas máis críticas manteñen que xurdirá unha "alternativa-, a formación insiste tamén en que se atopan inmersos nun momento de "renovación" ideolóxica e organizativa. Trátase, aseguran, de "cambiar para ser máis útiles a Galicia", un propósito que, dende o seu punto de vista, queda reflectido no relatorio que discutirán no congreso.

Neste documento, que será sometido ás emendas da militancia, o PSdeG recolle as súas formulacións nos ámbitos máis ou menos habituais -sectores produtivos, cultura ou institucións- pero tamén outros que tradicionalmente non centraron o debate do partido, como posibles reformas electorais ou sobre a participación política dos cidadáns. Nesta liña, o relatorio a debate asegura que os socialistas "traballarán por acadar un consenso" que "nos permita reformar a lexislación electoral galega, introducindo listas abertas e redistribuíndo máis equitativamente o número de deputados entre as catro circunscricións":

Algunhas das propostas transcenden as competencias autonómicas

Nun sentido semellante, o relatorio lanza outra proposta en clave de reforma electoral que é posible presumir como controvertida e que, en calquera caso, transcendería as competencias autonómicas: adiantar a idade legal para o sufraxio activo e pasivo. "É o momento de adiantar a idade para exercer o dereito a votar e ser votados ata os 16 anos", afirman no epígrafe Igualdade e participación, alicerces do futurd, no que tamén sitúan Internet, "especialmente despois do movemento 15-M, como un vehículo de extraordinaria mobilización, cunha capacidade de poder inmenso". "O PSdeG debe adaptar as súas estruturas e procesos a esta nova realidade", conclúen.

Lingua e laicidade

O relatorio marco do Congreso Nacional do PSdeG detense tamén en aspectos como que adoitaron traer consigo certa controversia cando os socialistas exerceron postos de goberno, tanto en Galicia como no Estado. É o caso por exemplo da lingua, que durante o mandato do bipartito na Xunta suscitou certas friccións entre socialistas e nacionalistas. Con todo, no texto congresual o PSdeG sinala que a súa aposta pasa por "gañar hexemonía social" para o galego dentro dun "proxecto resolutivo, galeguista no sentido pragmático e operativo" que sexa "motor da recuperación nacional posible e sostible".

Nesta liña, os socialistas coidan que o "referente básico" da política lingüística debe ser o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega -aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004-. Fronte a este plan, avalado polo Goberno de Manuel Fraga, lamentan que o PPdeG elixise como "o seu mellor sinal de identidade" a "chamada ao conflito lingüístico" e "a adopción de políticas regresivas contra a lingua galega". En áreas máis concretas, como a Xustiza, aseguran que a súa aposta é que a lingua que predomine sexa "a dos usuarios" e non "a dos funcionarios".

Co bipartito desapareceron os crucifixos das tomas de posesión

Outro eido que deu lugar a certas tensións durante a etapa do Executivo galego de coalición foi a relación coa Igrexa católica. Se ben o bipartito aplicara cambios no ámbito da simboloxía, como a eliminación dos crucifixos das tomas de posesión, non chegou a propoñer reformas que agora o PSdeG si incorpora no seu congreso. Así, por exemplo, o relatorio incide en que "a separación entre Estado e confesións relixiosas é unha medida positiva de fomento do pluralismo relixioso e da liberdade de non profesar ningunha relixión". "Por este motivo -explica- desde o PSdeG traballaremos para asegurar a neutralidade relixiosa en todos os actos e espazos públicos así como para eliminar os privilexios que se conservan na lexislación hipotecaria en beneficio da Igrexa católica".

 

Pachi Vázquez e Francisco Caamaño CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.