O PSdeG pide contas polos "10.000 euros ao mes" dunha oficina da Xunta no Brasil

José Luis Méndez Romeu © Xunta

Unha oficina comercial de 160 metros cadrados cun só traballador por 10.000 euros ao mes. É o que, segundo afirma o PSdeG, está a "manter" a Xunta na cidade brasileira de São Paulo nun, para o deputado José Luis Méndez Romeu, exercicio de "desvío de poder, desbalde e ineficiencia na acción exterior da Xunta". A xuízo do parlamentario o presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, debera "aproveitar" a viaxe que estes días desenvolve polo Brasil para "aclarar se avala o mantemento deste inmoble", xestionado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

O aluguer intégrase no convenio de 18 millóns entre a Xunta e a patronal galega, lembra o PSdeG

Esa xestión por parte da patronal, explica Romeu, prodúcese "en virtude de convenio de 18 millóns de euros" co que a Xunta lle encomendou a CEG "facerse cargo da acción exterior do Igape", a través da chamada rede Pexga (Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia). "Esta rede -din os socialistas- foi denunciada no pasado mes de xuño polo Ministerio de Traballo do Brasil por non estar formalizada e manter tres traballadores estranxeiros sen permiso e a dous brasileiros sen rexistro", todo isto nunha oficina "situada na zona máis cara da cidade".

Isto acontece, subliña o deputado electo, mentres o Goberno galego mantén o incumprimento do "acordo do Parlamento do pasado 28 de febreiro" no que, "a través dunha moción do PSdeG", se deu o visto e prace a que a Xunta lle dese conta á Cámara sobre o contido do convenio coa CEG para xestionar esta rede. Ademais da oficina de São Paulo, di, existe unha situación "análoga" en Miami, cun aluguer de 7.000 euros ao mes, "ademais doutros 3.000 correspondentes ao salario dun asesor exterior".

 

José Luis Méndez Romeu © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.