O PSdeG pídelle ao alcalde do Porriño que "despexe as dúbidas sobre a súa xestión" ou que "dimita"

Concello do Porriño CC-BY-NC-SA turismoytren.com

O Xulgado de Instrucción número 1 do Porriño admitiu este xoves a trámite a querela da Fiscalía contra o alcalde Nelson Santos, do PP, por un presunto delicto de prevaricación. Santos vai ser citado para prestar declaración, o vindeiro xoves 4 de abril. A investigación parte da denuncia interposta por un traballador do propio concello pola contratación sen pasar polos preceptivos trámites públicos e abertos dun enxeñeiro para prestar servizos en materia de urbanismo, por un importe de 45.000 euros anuais máis ive.

"Se non pode explicar o seu comportamento e a súa xestión, ten que dimitir", di Eva García

A oposición municipal denunciou en varias ocasións os procedementos de contratación de obras sen publicidad, cifrando a posible fraude nuns 4 millóns de euros, engadindo que moitas das contratacións foran informadas negativamente polo interventor municipal. Nas últimas semanas o secretario do Concello e ultimamente tamén o interventor municipal foron chamados a dependencias xudiciais para tentar aclarar estas situacións, que segundo o PSdeG-PSOE confirman "sospeitas que veñen de moi atrás".

A voceira socialista Eva García afirma que veñen denunciando irregularidades dende que Nelson Santos se fixo co alcaldía en 2010 a través dunha moción de censura contra o rexedor nacionalista Raúl Francés. Salienta que é habitual que se encarguen obras e se realicen contratacións "con orzamentos non pechados", todo nun Concello que arrastra unha débeda moi importante. "No Porriño chove sobre mollado", di, "porque a sombra de dúbida non é só pola contratación dun enxelñeiro, senón porque se salta a lei e a sospeita é sobre toda a contratación con empresas de xestión dos asuntos públicos".

O PSdeG-PSOE pídelle a este respecto a Santos que "despexe calquera tipo de dúbida sobre a súa xestión" ou que dimita. "Se non pode explicar o seu comportamento e a súa xestión, ten que dimitir", di Eva García. "Temos que despexar calquera sombra de dúbida porque poñemos en risco o sistema democrático", di a voceira socialista, que engade que "estamos en momentos moi sensibles, porque se o que está saíndo é certo, estamos ante unha trama organizada de corrupción sistemática pola que un partido como o PP, qeu goberna, estivo enriquecéndose cos fondos públicos a cambio de favores. E iso é terrible".

Concello do Porriño CC-BY-NC-SA turismoytren.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.