O PSOE encarga unha enquisa sobre candidatos á Xunta que inclúe a Antón Losada

Antón Losada CC-BY-SA Marta Jara / eldiario.es

O PSOE busca un candidato para unhas eleccións galegas que poderían celebrarse en calquera momento. Ferraz encargou unha enquisa para valorar a aceptación de cinco nomes como posibles candidatos á presidencia da Xunta. A lista está integrada polo ex ministro Francisco Caamaño, Valentín González Formoso (alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña), o deputado Méndez Romeu e pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Xunto a estes catro socialistas figura o nome do politólogo e coñecido tertuliano Antón Losada, que non é militante do PSOE.

Ferraz encargou unha enquisa para valorar a aceptación de cinco nomes: Antón Losada, Caamaño, Méndez Romeu, Carmela Silva e González Formoso

Os encargados do inquérito que traballan para Ferraz atópanse neste momento no proceso de solicitar os datos para coñecer quen tería máis opcións nesas eleccións. A enquisa é telefónica e até este xoves a empresa encargada aínda estaba a desenvolver o seu traballo de campo. Fontes oficiais do PSOE confirmaron a eldiario.es que o nome do politólogo está na lista.

O PSOE valora o perfil mediático de Losada, pero ao non ser militante non podería concorrer ás primarias

Antón Losada asegurou a esta redacción: "Ninguén no PSOE me consultou para introducir o meu nome nesa lista". Fontes socialistas confirman esta versión e sinalan que se pretende probar a resposta a un nome dun perfil progresista de fóra do partido. Ademais desde a súa conta de Twitter, e preguntado sobre a veracidade da información, Losada asegurou: "No lo sé. Desde luego, yo no sé nada". "A veces hay que saber tomarse las cosas con humor", dicía algo antes. 

A favor de Losada o PSOE valora o seu perfil mediático, moi vinculado á televisión polas súas aparicións en faladoiros políticos, e que se desenvolve ben nos debates. O maior problema é que o politólogo non é militante do PSOE, o que lle impediría concorrer ás primarias anunciadas para a elección do candidato á Xunta.

O profesor universitario xa formou parte do Goberno galego entre 2005 e 2007 como número dous do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana (BNG), durante o bipartito que presidiu Emilio Pérez Touriño (PSdeG). Ademais das súas aparicións en faladoiros de radio e televisión, Losada continúa co seu labor docente como profesor na facultade de Políticas da Universidade de Santiago de Compostela. 

O PSOE asómase ás eleccións galegas sen candidato e sen moito tempo para atopalo. Tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro e a creación dunha xestora para dirixir o partido, ninguén acerta aínda a ver con claridade a un candidato que lles axude a dar a volta a unhas enquisas que sitúan ás mareas e ao PP de Alberto Núñez Feijóo como protagonistas únicos dese proceso electoral.

Francisco Caamaño CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.