"O que está pasando no Porriño non é un tema de loita política, é un tema de decencia"

Concello do Porriño CC-BY-NC-SA turismoytren.com

En xaneiro do pasado ano a Fiscalía comezou a investigar o Concello do Porriño por presunta prevaricación e malversación de fondos públicos na contratación irregular de servizos, en concreto "a contratación cunha serie de empresas fóra de norma por supostas obras e servizos que nunca se realizaron", todo cun importe total duns 4 millones de euros. Eran, segundo o PSdeG-PSOE "unhas sospeitas que viñan de moi atrás" e que motivaron que tanto o secretario do Concello coma o interventor municipal foran chamados a declarar. Este luns levantouse o segredo do sumario e confirmouse a imputación do alcalde, Nelson Santos, por delitos de prevaricación continuada, suborno, malversación de fondos e tráfico de influencias, pola xestión irregular de centos de contratos públicos.

Moitos dos contratos de mantemento do Concello, xestionados de maneira irregular, beneficiaron a empresas vencelladas ao grupo político independente (escindido do PP e despois reingresado) ao que pertenciá Santos. Outras beneficiaron directamente a coñecidos militantes do PP no Concello, ou a empresas que traballan continuamente con este partido, realizando por exemplo montaxes e distribución de propaganda nas distintas campañas electorais. Todo isto únese a numerosas obras e servizos pagados pero non realizados, ou a pagamentos moi por riba dos custes reais das actuacións.

Eva García, voceira do PSdeG-PSOE no Concello, sinala que o sumario pon ao descuberto "delitos máis graves do que podíamos sospeitar inicialmente". "Pensamos que podíamos estar diante de meras irregularidades na contratación por falta de coñecemento. Pero vimos pago de facturas por obra non feita, pagos por servizos sen contrato, sen seguir o procedementos previstos pola lei, e mesmo un informe conxunto do secretario e do interventor que denuncia que se estaría cometendo un delito de tráfico de influencias", explica. O grupo socialista anunciou que este mércores se presentará como acusación particular contra o alcalde Nelson Santos, sinalando que “a oposición non se pode manter á marxe. En representación da parte prexudicada, que son os cidadáns do Porriño, ímonos persoas como acusación particular”.

Eva García, voceira do PSdeG-PSOE no Concello, sinala que o sumario pon ao descuberto "delitos máis graves do que podíamos sospeitar inicialmente"

Nelson Santos fíxose coa alcaldía en 2010 a través dunha moción de censura contra o rexedor nacionalista Raúl Francés. Na actualidade goberna cunha ampla maioria de 10 concelleiros dun total de 17, despois de que na pasada lexislatura representara un grupo de independentes que finalmente se integrou no Partido Popular. O PSdeG-PSOE non lle esixe directamente a dimisión ao rexedor, pero considera que Santos “terá que valorar el se pode seguir no cargo na situación xudicial na que se atopa”.

"A xente ten que ser consciente da gravidade do tema. O que está pasando no Porriño non é un tema baladí, nin sequera é un tema de loita política, é un tema de decencia e de lexitimación do estado de dereito"

"Estamos en momentos moi sensibles, porque se o que está saíndo é certo, estamos ante unha trama organizada de corrupción sistemática", subliña Eva García. Momentos sensibles, tamén, pola situación de crise económica e de sufrimentos persoais que atravesan moitas persoas e familias no Concello do Porriño, e polos recortes do gasto público, sobre todo nos servizos sociais, que as distintas administracións están levando a cabo, tamén a nivel local. Eva García lembra que nos últimos anos o grupo socialista presentou "unha infinidade de mocións tendentes a paliar a situación dos máis necesitados no Porriño, relacionados con bolsas de alimentos, con libros de texto". E subliña que "todas estas mocións foron directamente rexeitadas polo grupo de Goberno. Paralelamente estaba pasando todo isto, estaban amañando facturas e estaban metendo a man na caixa de caudais de todos os cidadáns do Porriño".

Cre, finalmente, que "a xente ten que ser consciente da gravidade do tema. O que está pasando no Porriño non é un tema baladí, nin sequera é un tema de loita política, é un tema de decencia e de lexitimación do estado de dereito. Claro que produce indignación, mentres as familias sofren recortes de servizos e unha carga fiscal cada vez máis alta”.

Concello do Porriño CC-BY-NC-SA turismoytren.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.