O recorte ao Parlamento aséntase na recámara do PP

Vista dunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia

Hai un ano e tres meses que foi presentado como urxente por primeira vez, deixou de selo e volveuno ser en, cando menos, dúas ocasións. En xullo de 2012 o presidente da Xunta aproveitaba unha entrevista en La Voz de Galicia para subir ao carro inicialmente lanzado por UPyD na Comunidade de Madrid e acelerado pola daquela presidenta desa rexión, Esperanza Aguirre. "Vou propoñer xa reducir a 60 o número de parlamentarios", aseguraba o presidente, alegando motivos económicos. "Se pedimos esforzos aos cidadáns e aos funcionarios, teñen que ver que nós tamén os facemos", argumentaba. A operación que ía iniciar e culminar "xa" vai camiño de facer ano e medio con máis percorrido nos titulares de prensa que no propio Parlamento.

A tesoirada á Cámara foi unha das estrelas do debate político daquel verán. Os conservadores aseguraban que o facían para aforrar pouco máis dun millón de euros ao ano en salarios de deputados e deputadas na seguinte lexislatura e por iso ían acometer a reforma antes das eleccións. Reclamaba o apoio da oposición, daquela formada por PSdeG e BNG, pero ante as primeiras acusacións de "golpismo" e "amaño electoral" Alberto Núñez Feijóo xa advertía de que tiña votos dabondo para pasar a tesoira en solitario, na liña das reformas electorais efectuadas en tempos de Fraga.

Neste punto comezaron a xurdir as primeiras estimacións económicas do aforro, unha cantidade menor en termos orzamentarios que se lograría, por exemplo, rebaixando un 20% os salarios dos deputados e deputadas ou deixando de realizar unha exposición na Cidade da Cultura. Ante as cifras os populares ampliaron as razóns da suposta urxencia da retallada; non era cuestión só de cartos, senón sobre todo de "simbolismo", sinalaban, mentres deixaban fóra da negociación a posibilidade de reducir o mínimo fixo de 10 escanos por provincia, o mesmo que infrarrepresenta as circunscricións máis poboadas, A Coruña e Pontevedra, e sobrevalora a Lugo e Ourense, tradicionais celeiros de votos do PP.

O PP apelou aos cartos, ao "simbolismo" ou ao pagamento de gardarías para defender a proposta

Pagar gardarías ou evitar a "chantaxe das minorías" foron outros dos razoamentos do partido do Goberno ao longo daquel verán ata poucos días antes de que Feijóo anunciase o que xa semellaba un segredo a voces: Galicia viviría un novo adianto electoral, neste caso para o 21 de outubro. O anticipo dos comicios deixaba o PP sen tempo material para recortar a Cámara, se ben incluíron a medida no seu programa. O Parlamento comezaría a IX Lexislatura recortándose a si mesmo.

Na nova lexislatura

A urxencia do recorte á que se apelaba no remate do primeiro mandato de Feijóo semellaba diluído no inicio do segundo, no que o debate político ía por outros vieiros. Pero todo cambiou cando o diario El País levou á súa portada as fotografías do xefe do Goberno co narcotraficante Marcial Dorado, datadas no tempo en que Feijóo ocupaba a secretaría xeral do Sergas. Segundo o vicepresidente e secretario xeral dos populares a "modificación quedaría recollida na nova Lei Electoral de Galicia", a cal xa estaba "pactada co conxunto da sociedade galega" en virtude do resultado electoral. Atendendo ao programa, trataríase de "reducir o número de deputados a 61" e de introducir, ademais, cambios como "institucionalizar a figura do xefe da oposición".

Os conservadores adían de novo a proposta ata, cando menos a xuntanza de Feijóo con Besteiro, e din que a presentarán cando coiden que "é o momento"

Neste contexto, PSdeG, AGE e BNG coincidiron en ver na resurección do plan un intento de deitar "fume" sobre o caso Dorado. Mentres, o PP aparcaba o feble argumentario económico para teimar na necesidade de "facer un xesto" que respondese "ás dificultades que está pasando moita xente". Nesta liña, os de Feijóo tentaron atraer a oposición en xeral e aos socialistas en particular cara á súa posición e, nunha xuntanza con PSdeG e AGE -o Bloque resolveu non acudir- aseguraron estar dispostos a negociar á baixa o mínimo de escanos por provincia en aras da proporcionalidade. As dúas delegacións opositoras advertiron de que non chegarían a pacto ningún para recortar o lexislativo e o tema volveu durmir o sono dos xustos.

Pouco ou nada se soubo do recorte parlamentario dende a primavera. Así foi ata hai poucas semanas, cando o partido da dereita o incluíu nas súas propostas de resolución do debate de política xeral. A proposta foi aprobada só cos votos do PP e, en teoría, só falta aplicala. Pero este mesmo luns o seu voceiro, Pedro Puy, volvía pisar o freo. Agora, sinala, cómpre agardar para saber "cal é, en xeral, a actitude da nova dirección socialista". Así as cousas, nada se moverá, cando menos, ata que Feijóo manteña unha xuntanza o vindeiro 15 de novembro co secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen xa manifestou que o recorte non entra dentro das preocupacións da cidadanía. En calquera caso, Puy non pecha a porta a que a iniciativa siga entrando e saíndo da recámara segundo conveña: "presentarémolo en canto o grupo [do PP] e o Goberno consideren que é o momento".

Feijóo, con Pedro Puy no debate de política xeral © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.