O recorte de Feijóo ao Parlamento, inocuo para o reparto de cargos no PP

Un intre do pleno de Orzamentos © Parlamento de Galicia

O presidente asegura telo decidido. Con ou sen compañía, o PP recortará en solitario o Parlamento e deixarao en 61 escanos, 14 menos que na actualidade. Mentres a oposición tenta, partindo do rexeitamento frontal ao recorte, unificar criterios sobre unha reforma electoral alternativa, os conservadores céntranse en administrar os tempos para pasarlle a tesoira ao lexislativo no momento que consideren máis oportuno. En verbas da voceira popular, Paula Prado, o actual será o último -quen sabe se o derradeiro- Parlamento galego composto por 75 deputados e deputadas. Pero, como sería a actual Cámara se Feijóo aplicase a súa polémica reforma xusto cando a lanzou, isto é, antes das eleccións de 2012?

Cos resultados electorais do 21-O o PP tería, como ten agora, a maioría absoluta, con 33 escanos fronte a 14 do PSdeG, 8 de AGE e 6 do BNG. Isto implicaría, polo tanto, que oito membros das candidaturas do PP que obtiveron escano en 2012 non o terían e o mesmo acontecería con catro representantes do PSdeG e con senllos membros de Alternativa e do Bloque. Non obstante, o efecto sería ben diferente nas filas do partido do goberno e na das forzas da oposición.

O PP xa realizou 11 corrementos de lista na lexislatura e coa reforma perdería 8 escanos

Dende o inicio da lexislatura o lexislativo experimentou doce cambios na súa configuración, 11 por remudas no PP e unha, en AGE. Todos os trocos nos escanos do PP producíronse pola renuncia de deputados e deputadas á súa acta para ocupar cargos no Goberno galego, a comezar polas conselleiras Beatriz Mato, Rosa Quintana e Elena Muñoz e a continuar por outros altos cargos como Belén do Campo, Raquel Arias ou José Manuel Cores, delegados territoriais da Xunta, Álvaro Pérez, secretario xeral do gabinete do presidente, Susana López Abella, secretaria Xeral de Igualdade, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración, Nava Castro, responsable de Turismo de Galicia ou Alberto Pazos, novo director xeral de Administración Local.

Este movemento do banco conservador implicou, polo tanto, que ata once persoas que non saíron elixidas nos comicios accederon ao Parlamento por mor dos corrementos de lista. Se o Parlamento fose recortado todos estes membros do PP poderían seguir desempeñando un cargo político, xa fose no Goberno ou no lexislativo. Mentres, o PSdeG deixaría de contar cos deputados Marisol Soneira, Vicente Docasar, Carmen Acuña e Manuel Gallego, AGE quedaría sen Xabier Ron e o BNG, sen Montse Prado.

O escanos na Coruña e Pontevedra, aínda máis 'caros'

Nun contexto de nula repercusión do recorte no referido á asignación de cargos no seo do PP, o que si variaría notablemente é a representatividade das catro circunscricións electorais galegas, cuxo territorio cadra co das provincias. Con 75 deputados e deputadas A Coruña ten un escano por cada 45.348 electores e electoras, Lugo un por cada 23.385, en Ourense a cada escano correspóndenlle 25.991 membros do censo e en Pontevedra a ratio sobe ata 40.615 electores e electoras por escano.

Coa reforma, A Coruña tería un escano por cada 57.000 electores e electoras e Lugo, un para cada 26.000

Coa reforma que promove o PP A Coruña pasaría de elixir 24 escanos a quedar con 19, un para cada 57.282 integrantes do censo e Pontevedra, que pasaría de 22 a 17 escanos, tería un representante político para cada 52.561 persoas. Mentres, en Lugo cada un dos seus 13 escanos -actualmente elixe 15- sería, de media, a voz de 26.983 persoas e en Ourense cada asento no Parlamento sería equivalente a 30.323 persoas, xa que os seus 14 escanos actuais serían só 12.

Esta descompensación entre as provincias atlánticas e as interiores débese, esencialmente, ao mínimo de 10 escanos que as actuais regras do xogo lle asigna a cada circunscrición, nas que despois se suman 35 tendo en conta as cifras de poboación. Se o PP deixa inmóbil ese mínimo os escanos a repartir por poboación serían só 21 e a sobrerrepresentación dos tradicionais celeiros de votos da dereita tendería a medrar.

Feijóo conversa con deputados do PP, no pleno de Orzamentos © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.